O Sindicato Labrego pide ao Concello de Melide a reapertura de maneira inmediata do mercado de produtos do agro

Publicado por o día 24/08/2020 na sección de Agricultura e Gandería,Sindicato Labrego Galego,Sindicatos

O Sindicato Labrego pide ao Concello de Melide a reapertura de maneira inmediata do mercado de produtos do agro

O Sindicato Labrego Galego acaba de coñecer a decisión do Concello de Melide de pechar o mercado semanal de produtos alimentarios até o 5 de setembro debido a un aumento da incidencia da Covid-19 na bisbarra. Dende o SLG queremos expresar o noso rexeitamento a esta medida que consideramos innecesaria e que causará un enorme prexuízo económico ás familias labregas, desta e doutras comarcas veciñas, que teñen nesta feira unha das súas principais vías de comercialización e de ingresos.

En primeiro lugar, cómpre lembrar que os postos de venda de produtos labregos en Melide volveron á actividade, tralo período de confinamento, seguindo un estrito protocolo sanitario deseñado pola Consellaría de Medio Rural para evitar os contaxios. Folga insistir que mercar alimentos ao aire libre, de produtos que foron manipulados unicamente polas persoas que os producen e que están a seguir as normas de seguridade a que obrigan as autoridades sanitarias; é moito máis seguro que adquirir produtos nun supermercado, onde son tocados e manipulados por ducias de persoas dende a orixe até a cesta, e que se adquiren nun ambiente pechado. Dende este punto de vista, prohibir os mercados alimentarios de proximidade non responde a criterios sanitarios obxectivos e, polo tanto, resulta unha medida discriminatoria.

A maiores, cómpre recordarlle ao Concello de Melide que o sector hortícola e froiteiro está nunha das épocas de maior produción do ano, e que os alimentos que vende no mercado semanal son perecedoiros, polo que o peche agora mesmo desta vía de comercialización supón un grave prexuízo económico que, tralo confinamento, pode causar danos irreversibles na economía agraria da zona.

Por todo o devandito, dende o Sindicato Labrego Galego instamos ao Concello de Melide a permitir a apertura dos postos de venda de alimentos labregos esta mesma semana, apoiando as medidas de seguridade necesarias para evitar contaxios, tal e como se veu facendo até agora. Neste senso, vimos de rexistrar unha instancia solicitándoo e de poñelo en coñecemento da Consellaría de Medio Rural. A maiores, contactamos hoxe mesmo, vía telefónica, co concelleiro responsábel de mercados, feiras e medio rural, Xosé Iglesias, quen manifestou a vontade do equipo de goberno de estudar esta proposta do Sindicato Labrego Galego. Dende o SLG queremos expresar a nosa vontade de colaborar en todo o que sexa necesario co Concello de Melide para que a reapertura dos postos de venda de produtos labregos sexa un feito esta mesma semana e se deixe de causar un grave prexuízo innecesario nunhas economías labregas que xa foron abondo castigadas coas restricións do recente confinamento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.