O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia amósalles o seu apoio aos traballadores e traballadoras da sanidade pública

Delegacións do sindicato reuníronse esta semana coas seccións sindicais de CCOO de varios hospitais públicos
Publicado por o día 30/04/2020 na sección de CC.OO,Sindicatos

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia amósalles o seu apoio aos traballadores e traballadoras da sanidade pública

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) amosoulles esta semana o seu apoio aos traballadores e traballadoras da sanidade pública. O secretario xeral, Ramón Sarmiento, acompañado doutros membros da organización sindical, reuniuse estes días coas seccións sindicais desta organización de varios hospitais públicos para facerlles chegar «o recoñecemento de toda a clase traballadora galega, en débeda con sectores esenciais como é especialmente o caso da sanidade», explicaba hoxe Sarmiento desde o CHUAC (A Coruña).

O primeiro dos encontros —sempre respectando a debida distancia social e os protocolos de seguridade— tivo lugar o pasado luns, día 27 de abril, en Ourense, coa sección sindical de CCOO-Sanidade no CHUO. O martes foi a reunión en Santiago de Compostela, o mércores en Vigo e hoxe xuntouse coa sección sindical do CHUAC.

Nesta rolda de visitas, o persoal sanitario trasladoulle de primeira man ao sindicato o descenso producido nas últimas datas de persoas hospitalizadas e en uci. Tamén se salientou a «espectacular resposta» por parte dos e das profesionais da saúde na loita contra esta pandemia.

Con todo, constatouse que a atención primaria foi e aínda é «a grande esquecida» na xestión sanitaria, tanto no que respecta ao reforzamento dos servizos como á falta de equipos de protección individual (EPI), que deixan as traballadoras e traballadores moitas veces «expostos» a un posible contaxio. Isto, malia que a atención primaria «é a primeira barreira da resposta sanitaria contra a pandemia».

Por esta razón, o secretario xeral de CCOO esixe que, nesta nova fase de xestión da crise sanitaria, «se reforce decontado en persoal e en epi os centros de atención primaria de Galicia».

Primeiro de Maio

Ás portas do Primeiro de Maio, o secretario xeral de CCOO reivindicou «un novo modelo produtivo e un novo modelo social», pois a crise do coronavirus demostra que «hai decisións que non se poden adiar máis». Na súa opinión, son necesarios «máis e mellores servizos públicos», e puxo o foco na sanidade, «fundamental para conter esta situación de emerxencia».

Para que isto sexa posible, «cómpre un gran pacto social» do que todas as organizacións sociais e políticas —tamén os sindicatos— formen parte, única maneira de garantir que teña éxito, puntualizou o secretario xeral de CCOO.