O Sistema Educativo Galego recibe 30 auxiliares de conversa en inglés con alto perfil académico

Publicado por o día 19/09/2018 na sección de Educación

O Sistema Educativo Galego recibe 30 auxiliares de conversa en inglés con alto perfil académico

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación educativa, Manuel Corredoira, recibiu hoxe os 30 auxiliares de conversa con alto perfil académico que este ano prestarán servizo no sistema educativo galego a través do convenio asinado entre a Consellería e a Comisión Fulbright de Intercambio Cultural, Educativo e Científico entre España e os Estados Unidos de América. Este é o terceiro ano consecutivo no que os centros de ensino da nosa Comunidade contan con este apoio, que este curso se incrementa ademais nun 25%, ao dispor de 4 auxiliares máis deste perfil.

O obxectivo desta iniciativa é favorecer a presenza de persoas nativas de fala inglesa cun alto perfil académico nos centros plurilingües galegos, contribuíndo ao fomento das vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñarías e Informática), así como á competitividade futura do alumnado nestes eidos, nos que o dominio da lingua inglesa é fundamental. A propia Comisión farase cargo do proceso de preparación e difusión da convocatoria e da preselección dos auxiliares de conversa, segundo os criterios de obxectividade, calidade e independencia que rexen os seus programas; e encargarase do seguimento do programa e da xestión do aboamento das compensacións mensuais ás persoas bolseiras, así como da organización dos seminarios de orientación e seminario de seguimento e evolución que se realiza para todas as persoas bolseiras Fulbright estadounidenses en España.

En concreto os centros nos que prestarán apoio son o IES Plurilingüe de Ames (Ames), CEP Plurilingüe de Ventín (Ames), CEIP Plurilingüe de Pedrouzos (Brión), IES Fernando Wirtz Suárez (A Coruña), CEIP Plurilingüe María Barbeito e Cervino (A Coruña), IES Plurilingüe Elviña (A Coruña), IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña), IES Plurilingüe Rafael Dieste (A Coruña), CEIP Plurilingüe de Tarrío (Culleredo), IES Universidade Laboral (Culleredo), CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro), CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), IES Campo de San Alberto (Noia) e IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), na provincia da Coruña; e o CIFP As Mercedes (Lugo), na de Lugo. No caso da provincia de Ourense haberá auxiliares de alto perfil académico no CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo (O Carballiño), IES Eduardo Blanco Amor (Ourense), IES As Lagoas (Ourense), IES O Couto (Ourense), IES Ramón Otero Pedrayo (Ourense), CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel (Ourense) e CIFP A Farixa (Ourense); mentres que na de Pontevedra estarán no IES Plurilingüe Aquis Celenis (Caldas de Reis), IES Antón Losada Diéguez (A Estrada), IES A Xunqueira I (Pontevedra), IES Plurilingüe Pintor Colmeiro (Silleda), IES República Oriental do Uruguai (Vigo), IES Valadares (Vigo), IES Ricardo Mella (Vigo) e CIFP Manuel Antonio (Vigo).

Esta medida enmárcase na Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020, EDUlingüe, cuxo obxectivo fundamental é estender o plurilingüismo a todas as etapas educativas e facilitar que os alumnos e alumnas poidan acreditar o seu nivel de lingua estranxeira ao final de etapa. Ao abeiro desta Estratexia, este curso Galicia contará cun total de 617 auxiliares de conversa (67 máis que o curso anterior, un 12% máis).