O SLG achega varias correccións ás axudas para apoiar investimentos nas explotacións que Medio Rural se compromete a corrixir

Publicado por o día 16/02/2020 na sección de Sindicato Labrego Galego,Sindicatos
O SLG achega varias correccións ás axudas para apoiar investimentos nas explotacións que Medio Rural se compromete a corrixir

O 28 de xaneiro, a Consellaría de Medio Rural publicou as bases para concorrer ás axudas para apoiar investimentos nas explotacións agrícolas, que establecen tres liñas principais: incorporación de mozos e mozas, plans de mellora e pequenas explotacións. Tras analizar polo miúdo as bases da convocatoria, os servizos técnicos do Sindicato Labrego Galego descubriron unha nova esixencia que non aparecía en anteriores convocatorias que, de non corrixirse, excluiría á maioría das granxas familiares de Galiza. Dende o SLG, así llo transmitimos á Consellaría de Medio Rural, que se comprometeu a corrixir os erros.

Esta nova esixencia da que falamos ten que ver coa dimensión física das granxas solicitantes, xa que a maioría das que poden acollerse a esta liña de axudas, co novo baremo esixido, serán ou demasiado grandes para ser consideradas “pequena explotación” ou demasiado pequenas para acceder aos plans de mellora.

Para poder entender este cambio, cómpre explicar antes algúns conceptos necesarios. O primeiro deles é a RUT, que é a Renda Unitaria de Traballo. A RUT son os ingresos netos de cada unidade de traballo da explotación en relación á renda de referencia establecida polo Ministerio de Agricultura. Esa renda de referencia para o ano 2020 é de 29.338 €.

A orde define como “pequena explotación” aquela que estea inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) cuxa Renda Unitaria de Traballo (RUT) se atope entre o 15% e o 35% da renda de referencia. É dicir, se pides a axuda para pequenas explotacións, os teus ingresos netos por cada unidade de traballo agrario da explotación non poden baixar do 15% nin superar o 35% dos 29.338 € da renda de referencia. No caso das axudas para a incorporación de xente moza e dos plans de mellora, deben ter unha RUT entre o 35% e o 120%.

Até aquí todo ben, como en pasadas convocatorias. O problema vén cunha novidade deste ano, que consiste en que “se a axuda solicitada correspondese coa submedida 6.3 «Creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións» a dimensión física máxima que poderá admitirse será ata a mínima establecida nas outras dúas submedidas“. Isto significa que a dimensión mínima esixida nos plans de mellora e nas axudas de incorporación é a dimensión máxima permitida para poder acceder ás axudas para pequenas explotacións, e ese tope entra en colisión co RUT esixido, xa que en moitas producións non alcanzarán ese RUT. Velaí a clave para entender os problemas que xorden agora: como xa dixemos, até este ano nunca houbo limitación na dimensión física para solicitar axudas para pequenas explotacións; a única limitación era económica.

Con esta nova esixencia, a maioría das granxas familiares galegas quedarán excluídas por ser demasiado grandes para ser consideradas “pequena explotacións” (se queren acadar o RUT mínimo terán que superar o tope da dimensión física permitida) e demasiado pequenas para acceder a un plan de mellora. Ademais, existe un agravante por discriminación de xénero, xa que a maioría das persoas que solicitan estas axudas son mulleres (o 58% destas axudas aprobadas o ano pasado foron para labregas).

A maioría dos sectores están afectados: ovino, caprino, equino, porcino, avícola, apícola, floricultura, cunícola e arandos

A mellor maneira de ver isto é cun exemplo. Poñamos por caso unha granxa caprina que quere solicitar esta axuda. A dimensión física máxima permitida para ser considerada pequena explotación é ter unha cabana con 70 nais. O problema é que con 70 nais terías un 13’62% da RUT. Polo tanto, non podes acceder ás axudas de pequenas explotacións por non chegar ao 15%. Para chegar a ese 15%, terías que ter 75 nais, pero entón pasaríaste da dimensión máxima permitida para gando caprino.

Para esta granxa de caprino no exemplo, quedarían entón os plans de mellora. Pero, para poder acceder a eles tería case que duplicar a súa cabana gandeira, xa que debería ter 134 nais para chegar á dimensión mínima esixida.

Outro bo exemplo témolo no sector apícola. Para ser pequena explotación non podes pasar das 100 colmeas, pero iso equivale a un 13’09% da RUT e exclúete das axudas para pequenas explotacións. De querer acceder a un plan de mellora ou de incorporación, terías que ter un mínimo de 194 colmeas. É dicir, se tes entre 101 e 193 colmeas, non podes solicitar ningunha destas axudas.

Nalgún tipo de producións, como a de porco celta de ciclo completo, coa dimensión mínima que che esixen na orde, que é de 15 nais, xa te vas ao 148% da RUT, o cal te exclúe de todas as liñas de axuda directamente.

Ademais de no sector caprino, porcino de raza celta e apícola, esta esixencia excluínte dáse tamén nos baremos esixidos para producións como arando, flor ao aire libre, ovellas de leite, eguas, coellas, porcas de raza Celta, porcos da ceba, aves para carne, polo de curral, galiñas poñedoras e poñedoras de ovo para incubar.

Dende o Sindicato Labrego Galego, agardamos que a Consellaría de Medio Rural corrixa axiña estes erros, xa que se trata dunha liña de axudas moi traballosa de tramitar e cuxo prazo de solicitude vai rematar en breve, o 28 de febreiro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.