O SLG alerta sobre ataques directos das ratas toupa ás granxas e pide a prohibición da caza do raposo na zona

Cómpre afrontar a crise cun plan de choque antes de que tome as dimensións acadadas na veciña Castela e León, onde xa afecta 1.610.000 hectáreas
Publicado por o día 16/01/2020 na sección de Sindicato Labrego Galego,Sindicatos

O SLG alerta sobre ataques directos das ratas toupa ás granxas e pide a prohibición da caza do raposo na zona

Os últimos informes elaborados sobre a incidencia da rata toupa que está a causar estragos na montaña lucense constatan que están afectadas máis de 1.600 hectáreas, pero a cifra real podería chegar ás 2.000 segundo técnicos consultados polo SLG. Aínda que, até agora, os principais danos están a ser causados en praderías, dende o Sindicato Labrego Galego acabamos de recibir denuncias de estragos directos en granxas de Pedrafita do Cebreiro, con contiosas perdas na herba ensilada e na colleita de nabos das granxas.

Polo que puidemos saber, entre as medidas que planea a Xunta para facer fronte a esta praga está facer trampeo, en coordinación coas granxas. Sen discutir esta medida, dende o Sindicato Labrego Galego cremos que vai resultar insuficiente. Neste senso, queremos subliñar como unha das principais causas desta praga o descenso poboacional dos seus depredadores naturais -donicela, raposo, aves rapaces…-, sobre todo pola caza, tanto legal como furtiva. Por iso, dende o SLG vemos necesario que a Consellaría de Medio Ambiente decrete a prohibición de cazar calquera especie depredadora natural das ratas toupa nos concellos afectados e nos limítrofes, pois de continuar a presión sobre os seus depredadores o desequilibrio ecolóxico agudizarase e a crise empeorará.

Dende este punto de vista, temos que criticar, xusto esta mesma fin de semana, a celebración do XXV Campionato Galego de Caza de Raposo nos concellos de Triacastela e Láncara, afectados pola praga. A Xunta de Galicia debería prohibir cautelarmente este torneo e calquera outra actividade que ameace con crear un desequilibrio ecolóxico semellante ao do xabaril en toda Galiza.

Ademais, a Consellaría de Medio Rural non pode mirar cara a outra banda diante das perdas que están a sufrir as granxas e que, como puidemos ver, van máis alá dos prados, creando unha liña de axudas para compensalas. Ao fin e ao cabo, a permisividade da Xunta co exterminio indiscriminado dos predadores naturais da rata toupa fai que sexa, en parte, tamén responsable da crise.

Finalmente, dende o SLG solicitamos tamén a convocatoria dunha xuntanza cos axentes sociais dos sectores económicos e zonas afectadas pola praga para tentar coordinar forzas e buscar as mellores solucións a unha praga que, en comunidades veciñas como Castela e León, afecta 1.610.000 hectáreas (o 20% da superficie da comunidade), causou 30 millóns de euros en perdas e medio cento de persoas contaxiadas por turalemia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.