A presidenta da Interprofesional Láctea (Inlac), a gandeira cántabra Charo Arredondo, estará en Compostela mañá, 30 de xullo, nunha xornada sobre o sector organizada polo Sindicato Labrego Galego.
Neste evento, no que participará a Dirección do Leite do SLG e afiliados e afiliadas, trataranse temas como a situación actual dos prezos, a renovación dos contratos entre granxas e industrias, os impagos por parte dalgúns primeiros compradores ou os atrancos e agresións á actividade das explotacións leiteiras como a forestación ilegal de terras agrarias, os danos da fauna salvaxe ou o abandono da actividade.
Ademais da presidenta da Inlac, tamén participarán no encontro a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane; e, cunha intervención máis técnica, Juan Castro, enxeñeiro do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.
A xornada desenvolverase no local nacional do Sindicato Labrego Galego (rúa Ofelia Nieto 13-23, Compostela) a partir das 11:00 horas. No transcurso da xornada, enviarase un comunicado de prensa dando conta dos contidos.
Noticias de última hora en Vigo