O SLG apoia a manifestación de SOS Sanidade Pública para reivindicar unha atención primaria digna

Por o 06/02/2019 | Sección: Sanidad,Sindicato Labrego Galego,Sindicatos
O SLG apoia a manifestación de SOS Sanidade Pública para reivindicar unha atención primaria digna

O Sindicato Labrego Galego apoia a manifestación convocada por SOS Sanidade Pública deste domingo, 10 de febreiro, en defensa do sistema sanitario público galego e dunha atención primaria digna. Dende que comezaron os recortes no noso sistema sanitario, este non fixo máis que degradarse, ano tras ano: precariedade laboral, problemas de accesibilidade a probas diagnósticas, sobrecarga crónica, perda da dirección autónoma de atención primaria, perda de financiamento, falta de tempo para atender os e as pacientes, supresión das áreas sanitarias e de servizos nos hospitais comarcais, etc.

Todos estes problemas, agudízanse nos puntos de atención continuada das zonas rurais, que acusan aínda máis a falla de recursos materiais e humanos, o que se traduce nun deterioro dos servizos sanitarios e da saúde de usuarios e usuarias máis que preocupante en amplas zonas da Galiza rural.

Todo isto está a provocar a resposta contundente do persoal sanitario: folga nos PACs, folga nos servizos de urxencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, dimisións nas xefaturas de atención primaria, paros semanais en centros de saúde, folga de ambulancias, etc. Dende o Sindicato Labrego Galego queremos expresar o noso total apoio ás demandas de SOS Sanidade Pública como: rematar cos recortes de persoal sanitario, camas e orzamentos; pór fin á marxinación da atención primaria e ás estruturas de xestión integrada que reducen as áreas sanitarias galegas en detrimento das comarcas rurais e, como alternativa, recuperar esas áreas e os hospitais comarcais; fornecer suficientemente os PACs e os servizos de urxencias hospitalarias; ou rematar coa precariedade laboral e recuperar todos os servizos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.