O Sindicato Labrego Galego quere denunciar un novo decretazo do Goberno do Estado co que se afonda aínda máis no proceso de privatización dos dereitos laborais dos traballadores e das traballadoras do Réxime de Autónom@s: a obriga de deixar a Seguridade Social por mutuas privadas dos autónomos e autónomas que cotizaban antes da reforma do 1 de xaneiro de 1998. Referímonos ao Real Decreto-lei 28/2018, de 28 de decembro, para a revalorización das pensións públicas e outras medidas urxentes en materia social, laboral e de emprego, publicado con premeditación e aleivosía no Boletín Oficial do Estado do sábado 29 de decembro, na fin de semana antes das festas de fin de ano e sen darlle ningún tipo de publicidade máis alá da imprescindible no BOE. Fixérono tan en segredo que nin sequera o persoal das oficinas da Seguridade Social está ao tanto nin sabe como actuar ao respecto.
Ademais, temos o agravante de que neste 2019, coa obriga de telematizar tódalas xestións coa Seguridade Social a maioría dos traballadores e traballadoras afectad@s, ademais de non saber aínda como lles afecta o decreto, van ter serias dificultades para levar a cabo uns trámites que, de non haber volta atrás, deben facer antes de que remate marzo. Cómpre ter en conta que, por idade, os traballadores e traballadoras que xa cotizaban antes de 1998 teñen máis probabilidade de non estar familiarizados coas novas tecnoloxías.
Así, a disposición transitoria primeira deste real decreto-lei di que «Os traballadores incluídos no ámbito de aplicación do Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos incorporados a dito réxime especial con anterioridade ao 1 de xaneiro de 1998 e que (…) tivesen optado por manter a protección pola prestación económica por incapacidade temporal coa entidade xestora (Seguridade Social), no prazo de tres meses a partir da entrada en vigor deste real decreto-lei deberán optar por unha mutua colaboradora da Seguridade Social».
A experiencia demostra que a prestación de servizos empeorará coa privatización
Pola experiencia que temos, sempre que privatizaron servizos e coberturas dos traballadores e traballadoras, empeorouse a calidade dos mesmos, propiciando, decotío, vulneracións dos dereitos laborais das persoas traballadoras.
Como labregos e labregas, a nosa experiencia coas mutuas privadas é que poñen unha grande cantidade de atrancos co único obxectivo de aforrar os custes das coberturas: dende a negativa a conceder baixas laborais a pacientes que o precisan por padecer patoloxías que lles impiden desenvolver o seu traballo, até forzar altas indebidas a pacientes que aínda non se recuperaron completamente das súas doenzas.
O novo Goberno, en troques de tentar mellorar a calidade das prestacións da Seguridade Social aos traballadores e traballadoras do réxime autónomo, opta por afondar aínda máis no proceso de privatización das coberturas sanitarias, dándolle novos nichos de negocio ás compañías de seguros privadas a custa dos dereitos laborais das traballadoras e traballadores.
Dende o Sindicato Labrego Galego, agardamos que os diversos partidos políticos, con independencia da súa ideoloxía, enfronten este novo recorte nos dereitos laborais dos traballadores e traballadoras e expresen o seu rexeitamento a unha medida imposta a costas das persoas afectadas e dos seus dereitos laborais. Cun Goberno en minoría, non oporse a esta nova privatización dos dereitos dos traballadores e das traballadoras sería o mesmo que ser cómplice da mesma.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.