O SLG denuncia que hai granxas con problemas para cobrar a PAC por culpa dos procesos de concentración parcelaria

O Sindicato Labrego Galego solicitará unha entrevista con responsábeis da Consellaría de Medio Rural para denunciar o impago das axudas da PAC a granxas que están afectadas por procesos de concentración parcelaria. Trátase dun problema xeneralizado en toda Galiza e no que a Consellaría de Medio Rural está a demostrar a máis absoluta desidia, deixando as granxas afectadas á súa sorte.
Publicado por o día 28/12/2018 na sección de Galicia,Sindicato Labrego Galego,Sindicatos

O SLG denuncia que hai granxas con problemas para cobrar a PAC por culpa dos procesos de concentración parcelaria

O Sindicato Labrego Galego solicitará unha entrevista con responsábeis da Consellaría de Medio Rural para denunciar o impago das axudas da PAC a granxas que están afectadas por procesos de concentración parcelaria. Trátase dun problema xeneralizado en toda Galiza e no que a Consellaría de Medio Rural está a demostrar a máis absoluta desidia, deixando as granxas afectadas á súa sorte.


Coñecemos casos de labregos e labregas que aínda non cobraron a PAC de 2017, cuxo ingreso deberíase ter feito, a máis tardar en xullo de 2018. O problema é que, aínda que acaben cobrando a PAC de 2017, atópanse que coa de 2018 volven estar na mesma situación, cando moitas outras explotacións sen este problema xa ingresaron un adianto do 90% destas axudas correspondentes ao presente ano.

A contía das axudas da PAC baséanse no número de hectáreas que xestiona unha granxa en función de parámetros como medidas agroambientais, tipo de cultivo ou gando, etc. O problema radica en que, por mor da desidia da Consellaría de Medio Rural, moitas fincas con dereitos de cobro na PAC afectadas por parcelarias non están actualizadas e, polo tanto, non poden ingresar os cartos a que teñen dereito até que os predios afectados se actualicen. Cómpre destacar a importancia destas axudas para a economía labrega, especialmente para aquelas granxas que se endebedaron con investimentos no marco de Plans de Mellora ou de Incorporacións de Xente Moza e que teñen que facer fronte á devolución de préstamos.

Aínda que non coñecemos o número de explotacións afectadas, podería ser unha cifra moi elevada se botamos unha ollada ao mapa das parcelarias que se pode consultar na web da Consellaría de Medio Rural (http://mapas.xunta.gal/visores/parcelaria/), onde vemos que están afectadas por procesos de concentración boa parte da provincia da Coruña, do norte de Pontevedra, do nordeste de Lugo e do suroeste de Ourense.

Outra referencia neste aspecto témola no Anexo III (páxina 61) da orde do 6 de febreiro de 2018 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural, publicada no DOG o 12 de febreiro de 2018. Ese anexo enumera as zonas de concentración parcelaria nas que se admiten referencias identificativas correspondentes a planos de concentración parcelaria. É dicir: como mínimo, todas estas zonas estarían afectadas ou poderían estalo por problemas que xerarían atrasos ou o impagos das axudas da PAC. Estariamos a falar de 35 concellos nas catro provincias, algún deles con varios procesos de concentración parcelaria:

  • A Coruña: Abegondo, Arzúa, Boqueixón, Cesuras, Oza-Cesuras, Coristanco, Mazaricos, Mesía, Melide, Narón, Ordes, Oroso, O Pino, Santiso, Touro e Zas.

  • Lugo: Abadín, Alfoz, Baleira, Castro de Rei, Mondoñedo, Riotorto e O Valadouro.

  • Ourense: Allariz, Cartelle, Xunqueira de Ambía, A Merca, Porqueira, Verea e Verín.

  • Pontevedra: O Covelo, A Estrada, Forcarei, Lalín e Vila de Cruces.

Pero é que, ademais, hai zonas e concellos que non aparecen aquí, nas que a concentración parcelaria rematou, que tamén están padecendo este problema, como Goá, en Cospeito (Lugo) ou Pezobre, en Santiso (A Coruña).

Todo este problema é unicamente imputable á Consellaría de Medio Rural, probablemente motivada polos fortes recortes do persoal que debería xestionar a actualización das fincas afectadas, ben nas oficinas agrarias comarcais, ben en organismos coma o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA).

Dende o Sindicato Labrego Galego solicitamos unha xuntanza coa Consellaría de Medio Rural para pedirlle que actúe con urxencia para solucionar este grave problema creado pola propia Administración e que está a poñer en xaque a viabilidade de moitas granxas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.