O SLG inicia hoxe n’A Estrada unha campaña informativa por toda Galiza sobre a demanda xudicial contra o cártel do leite

Publicado por o día 07/11/2019 na sección de Sindicato Labrego Galego,Sindicatos

O SLG inicia hoxe n’A Estrada unha campaña informativa por toda Galiza sobre a demanda xudicial contra o cártel do leite

O Sindicato Labrego Galego vén de poñer hoxe en marcha un intenso calendario de asembleas informativas en todas as comarcas leiteiras de Galiza para informar sobre a posibilidade de reclamar xudicialmente contra o cártel de industrias lácteas sancionadas pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia.

Agora mesmo, o SLG ten programadas unha vintena de actos que comezarán hoxe, 7 de novembro, n’A Estrada. Seguirán ao longo de todo o mes en bisbarras como Ferrol, Ortegal, Eume A Mariña, Terra Chá, Betanzos, A Coruña, Ordes, Arzúa, Compostela, Lugo, Meira, Deza, Sarria, Chantada, Lemos, Tabeirós-Terra de Montes, Bergantiños, Costa da Morte, etc.

Previamente, a Dirección do Leite e o equipo xurídico do Sindicato Labrego Galego analizaron, nunha xuntanza celebrada no mes de outubro en Compostela, os pros e contras de que as granxas afectadas poidan recorrer xudicialmente para recuperar os cartos que deixaron de ingresar a causa das prácticas fraudulentas das industrias.

Neste encontro de traballo contamos coa presenza de Albert Poch, do bufete Redi Abogados (Barcelona) especializado en demandas contra cárteles industriais. Poch explicou que as industrias multadas saíron gañando, xa que a sanción é menor que os cartos obtidos polas súas prácticas delitivas.

Aínda que este cártel de empresas xa foi sancionado pola Comisión Nacional dos Mercados da Competencia polas súas prácticas, agora ábrese a posibilidade de que as partes afectadas poidan demandar ás industrias multadas. Para iso, as granxas interesadas contan cun prazo dun ano contado dende a data de publicación da sanción (11 de xullo de 2019) para reclamar.

As reclamacións das perdas de cada explotación vanse realizar acumuladas nunha mesma demanda, agrupando o maior número posible de granxas, xa que se fará máis forza no proceso contra maior sexa o número gandeiros e gandeiras que reclamen. En Cataluña, este proceso xudicial está moi avanzado, implicando centos de granxas demandantes nunha comunidade na que só queda 437 explotacións en activo (cómpre ter en conta que poden reclamar tamén gandeiros e gandeiras que cesaron a actividade pero que tamén están afectadas). No caso galego, dende o SLG, e en base a esta campaña de asembleas, confeccionarase unha listaxe de granxas interesadas en iniciar este proceso de reclamación para estudar e asesorar sobre a viabilidade de iniciar as accións xudiciais.

Comentar noticia

Your email address will not be published.