O SLG organiza unha lectura pública en Compostela da Declaración de Dereitos Labregos aprobada pola ONU

Será o 31 de marzo, no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, e participarán representantes de organizacións e colectivos destacados na defensa da terra e dos dereitos humanos
Por o 28/03/2019 | Sección: Sindicato Labrego Galego,Sindicatos
O SLG organiza unha lectura pública en Compostela da Declaración de Dereitos Labregos aprobada pola ONU
Compartir en:

O Sindicato Labrego Galego organiza este domingo, 31 de marzo, unha lectura pública da Declaración dos dereitos dos labregos e das labregas e outras persoas que traballan nas zonas rurais, que foi aprobada definitivamente o 17 de decembro de 2018 pola Asemblea Xeral da ONU en Nova York.

Para desenvolver este evento eliximos como escenario o Salón Nobre do Pazo de Fonseca, en Compostela, e convidamos a participar figuras públicas e representantes de organizacións e colectivos destacados na defensa da terra e dos dereitos humanos. Cómpre destacar, neste senso, a presenza de Marina dos Santos, dirixente do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra do Brasil (MST).

Para o Sindicato Labrego Galego é importante dar a coñecer ás institucións e movementos sociais da Galiza esta Carta de Dereitos Labregos, xa que supón a primeira conquista global do campesiñado e foi o resultado dun duro traballo de case dúas décadas liderado por La Vía Campesina, movemento internacional do que forma parte o Sindicato Labrego.

Máis alá do seu enorme valor simbólico, as convencións das Nacións Unidas teñen carácter obrigatorio para os estados membros da ONU, polo que esta Declaración de Dereitos Labregos pode ser unha ferramenta extraordinaria para pedir contas e esixir cambios nas políticas dos gobernos en todas aquelas loitas nas que se vulneren os dereitos do campesiñado agora recoñecidos.

De cara a facilitar o traballo dos medios de comunicación, permitirase o acceso libre de medios gráficos e xornalistas ao longo do acto e faranse declaracións a aqueles e aquelas que o soliciten ao rematar o evento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.