O SPRL publica a ‘Guía de actuación para realizar os exames presencias na UVigo’

O documento aborda cuestións como os accesos ou a corentena dos exames
Publicado por o día 18/01/2021 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O SPRL publica a ‘Guía de actuación para realizar os exames presencias na UVigo’

O Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Universidade de Vigo fixo pública hoxe a Guía de actuación para realizar os exames presenciais, seguindo as recomendacións do Ministerio de Sanidad, e que se aplicará ao alumnado e ao profesorado durante as probas de avaliación presenciais, cando non se poidan utilizar métodos ou sistemas alternativos. O documento estrutúrase en catro apartados nos que se detallan as medidas a adoptar para o acceso aos lugares onde se realizan as probas; a actuación nas aulas; que se debe facer ao finalizar os exames e un último apartado no que se solicita responsabilidade e colaboración ás persoas que participan nas probas.

En relación co acceso aos lugares onde se realizan os exames, a guía lembra as obrigas de usar máscara, de manter as distancias entre persoas de 2 metros ao gardar filas para entrar ou saír, así como que non se poden manter conversas nos corredores e zonas de tránsito, evitando tamén as aglomeracións nas proximidades das portas de acceso ou de saída dos centros.

Unha vez nas aulas, os postos de exame deben asegurar sempre o distanciamento interpersoal de como mínimo 1,5 metros de separación. Para minimizar o tempo de estancia nas aulas, os exames deberán estar sobre as mesas antes do acceso do alumnado, que antes de situarse no seu posto deberá desinfectar as mans coas solucións alcohólicas que estarán nas entradas das aulas, ao igual que o profesorado que participe nas probas. Unha vez finalizados os exames, evitarase o contacto directo entre docentes e estudantes, que non poderán durante a realización das probas obxectos persoais nin bolígrafos, lapis, calculadora, etc.

Exames en corentena

Rematadas as probas, o alumnado deberá recoller as súas pertenzas e abandonar a aula, seguindo as indicacións do profesorado e en ningún caso permanecer nos corredores formado aglomeracións, debendo saír das instalacións, mantendo a distancia de seguridade de 2 metros en todo momento.

Os exames quedarán nos postos que ocuparon os estudantes ata que estes abandonen as aulas e entón o profesorado procederá a recollelos, para o que poderán utilizar luvas, que logo desbotarán e, deseguido, lavarán as mans con auga e xabón. As probas meteranse nunha caixa e deixaranse en corentena, tendo en conta as indicacións do Ministerio de Sanidade sobre a estabilidade do virus e a efectividade da desinfección, que di que se deixa de detectar o virus tras 3 horas sobre a superficie do papel.

A guía remata lembrando que a eficacia do protocolo depende da colaboración e o compromiso de todas as persoas que participan nas probas.