O Supremo dálle a razón a CCOO e obriga a contratos mínimos de 25 horas e a actualizar salarios segundo o IPC na axuda a domicilio

O Alto Tribunal rexeita os recursos das empresas Clece e Eulen e ratifica as sentenzas previas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que xa son firmes
Por o 11/02/2019 | Sección: CC.OO,Salud,Sindicatos
O Supremo dálle a razón a CCOO e obriga a contratos mínimos de 25 horas e a actualizar salarios segundo o IPC na axuda a domicilio

O Tribunal Supremo (TS) dálle a razón a Comisións Obreiras (CCOO) no seu litixio contra dúas das principais empresas do sector de axuda a domicilio en Galicia, «e tamén das máis incumpridoras en materia social», destaca o sindicato. O Alto Tribunal rexeita os recursos das demandadas e ratifica as sentenzas previas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que agora xa son firmes. Por esta razón, Eulen e Clece deberán actualizar os salarios consonte o IPC real e non poderán formalizar contratos inferiores ás 25 horas semanais.

Na sentenza de unificación de doutrina 1362/2018, o TS obriga a Clece —«e o resto do sector de axuda a domicilio», aclara o sindicato— a establecer por contrato unha xornada mínima de 25 horas semanais. Con esta sentenza na man, «xa non existe dúbida ningunha: os contratos cunha duración inferior son ilegais», apunta Sergio López, secretario xeral da Federación de Construción e Servizos de CCOO de Galicia. Polo tanto, estes contratos «deberán aumentar o número de horas e tamén o salario na parte proporcional», sinala o sindicalista.

A outra sentenza de unificación de doutrina, número 1851/2018, obriga a Eulen a actualizar os salarios conforme o IPC real do ano anterior. Deste xeito, o salario base sitúase en 1034,37 euros para unha traballadora a tempo completo.

Sergio López sinala que CCOO, sindicato maioritario no sector, foi «a única organización que se atreveu» a denunciar as grandes entidades do sector en Galicia. «As empresas xa están temendo que as sentenzas aínda pendentes, sobre asuntos como calendario laboral, bolsas de horas, xornadas e excesos, acaben cos abusos que se están producindo neste sector», salienta o dirixente sindical.

Desde CCOO lembran que todo o persoal do sector de axuda a domicilio pode acudir aos servizos xurídicos do sindicato para formalizar as súas reclamacións individuais —con carácter retroactivo—, tanto en materia de contratación como de salarios.

Comentar noticia

Your email address will not be published.