O Teatro Afundación de Vigo acolle a representación da ópera ‘O holandés errante’

Publicado por o día 07/09/2018 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

O Teatro Afundación de Vigo acolle a representación da ópera ‘O holandés errante’

Afundación, a Obra Social de ABANCA, acollerá as actividades organizadas por Amigos de la Ópera de Vigo dentro da súa programación Outono Lírico no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13). Esta proposta cultural comezará o vindeiro sábado 29 de setembro coa representación, a partir das 20.30 h, da ópera O holandés errante, de Richard Wagner, coproducida por Amigos de la Ópera de Vigo, Amigos de la Ópera de Santiago de Compostela e a Real Filharmonía de Galicia.

A posta en escena correrá a cargo da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Paul Daniel, e do Coro da Orquesta Sinfónica de Galicia, dirixido Joan Company, co barítono Alexander Krasnov como o Holandés, o baixo Richard Wiegold como Daland, a soprano Maribel Ortega no papel de Senta, o tenor Eduard Martynyuk como Erik, María L. Corbacho como Mary e o tenor Moisés Marín no papel do Temoneiro.

Como actividade complementaria previa á representación, Amigos de la Ópera de Vigo organizou unha conferencia sobre esta obra baixo o título «A maldición romántica: O holandés errante», a cargo do profesor da Universidade de Bayreuth, Enrique Gavilán.

ARGUMENTO DE O HOLANDÉS ERRANTE

Sobre o capitán dun barco holandés pesa a maldición de vagar incesantemente polos mares, tendo só unha tregua dun día cada sete anos. Se nese día consegue o amor dunha muller, será redimido do seu castigo.

A ópera empeza cunha gran tormenta. O noruegués Daland está co seu barco á deriva, coa tripulación esgotada e medorenta polo estado do mar. Nese momento achégase a eles un barco pantasma, o barco do holandés errante. Daland aborda o barco e ve as riquezas que o holandés ten nel. O capitán pídelle hospitalidade, e cando oe falar de Senta, a filla de Daland, pídelle a súa man, que este lle concede por cobiza.

En casa de Daland, Senta e outras mozas están fiando. Senta está obsesionada pola lenda do holandés errante. Erik, o seu prometido, anuncia a chegada de dous barcos. Cando toman terra, Senta recoñece de inmediato ao holandés e proclama a súa disposición para salvarlle da súa condena. Erik lémbralle a Senta que están prometidos, conversa que oe o holandés, que non quere que a moza rompa o seu compromiso e prepárase para partir novamente. Senta consegue escapar dos que a reteñen e tírase ao mar. Nese momento, os espíritos da rapaza e do holandés, xa redimido por amor, ascenden xuntos ao ceo.