O Teatro Afundación de Vigo recibe a compañía La Cubana coa súa última proposta, Adiós Arturo

Ofrecerán un total de seis funcións desde o vindeiro xoves 26 de setembro ao domingo 29
Publicado por o día 16/09/2019 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

O Teatro Afundación de Vigo recibe a compañía La Cubana coa súa última proposta, Adiós Arturo

A mítica compañía teatral La Cubana chega ao Teatro Afundación de Vigo presentando a súa nova proposta, Adiós Arturo, unha tola comedia na que non faltan os tres ingredientes que caracterizan á compañía: a participación do público, as sorpresas e moito humor.

A compañía ao completo fará unha presentación aos medios de comunicación o vindeiro mércores 25 de setembro a partir das 12.00 h no propio Teatro Afundación. Adiós Arturo poderase ver o xoves 26 de setembro ás 21.00 h, o venres 27 de setembro e o sábado 28 ás 18.00 e ás 22.00 h, e o domingo 29 de setembro ás 18.30 h. As entradas xa están dispoñibles na web Ataquilla.com.

Adios Arturo é un canto á vida e demostra como hai que vivila intensamente, deixando en evidencia todas as convencións sociais que dificultan o poder facelo. O papagaio Ernesto é o gran protagonista desta comedia na que se relata dunha maneira aloucada e cómica a preparación do funeral do polifacético artista Arturo Cirera, falecido aos 101 anos de idade. O público coñecerá o verdadeiro «guion da vida» deste coñecidísimo escritor, pintor, escultor, coleccionista de arte, poeta, compositor musical, dramaturgo, actor e director recoñecido internacionalmente.

A musa inspirativa desta nova produción é a que desde a propia compañía cualifican como «un rico pozo sen fondo»: o teatro. O teatro que a xente realiza na súa vida cotiá e pasa inadvertido como teatro; ese teatro que hai na rúa, nos mercados, nos traballos, na familia, coas amizades, e como non, tamén socialmente, onde a xente

adoita despregar os seus dotes interpretativos en toda clase de actos, «paripés», festas, vodas, bautizos, comuñóns e enterros.