O Teatro Principal acolle a IV Gala de Cantos de Taberna

O bar cambadés “A de Lupe” recibirá este ano a ‘Cunca Maravallada’, en recoñecemento á difusión e promoción do canto popular
Publicado por o día 06/11/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

O Teatro Principal acolle a IV Gala de Cantos de Taberna

O Teatro Principal acollerá este venres ás 21h a IV Gala de Cantos de Taberna, na que a Asociación Maravallada homenaxeará ao bar cambadés ‘A de Lupe’, pola difusión e promoción do canto popular. Anunciárono esta mañá a concelleira de Cultura, Carme Fouces, e as integrantes de Maravallada, Mª Luz Rodríguez e Mar Fernández.

“Somos un país que cantamos moito e no que moitas cousas se fixeron, e se seguen facendo, arredor dunha mesa con comida, con bebida e con canto, como os velorios e as vodas” indicou Carme Fouces para salientar a importancia do canto popular. A concelleira tamén puxo en valor o traballo que durante 10 anos levan realizando desde a Asociación Maravallada “traballando e chamando á xente a gozar cantando, xuntando centos de persoas todos os veráns cantando de praza en praza”.

Pola súa banda, Mª Luz Rodríguez e Mar Fernández explicaron que o desenvolvemento da Gala durará aproximadamente hora e media e que estará conducida polo músico e regueifeiro Luis Caruncho. A nota musical correrá a cargo do grupo ‘Os do fondo da barra’, dirixido por Quique Peón, mentres que a ‘Cunca Maravallada’ que se entrega ao bar homenaxeado terá, nesta edición, formato de cadro en tinta china sobre lenzo, da autoría do arquitecto e muralista Miguel Valiñas Otero.

Ao remate da Gala, os cantos de taberna continuarán no bar Americano na rúa Riestra e na Adega dos Avós en Gutiérrez Mellado.

Comentar noticia

Your email address will not be published.