O traballo da Xunta permitirá que en outubro estean en marcha as obras das estacións intermodais de Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo, mentres avanza no deseño das da Coruña, Lugo e Ferrol

O director xeral de Mobilidade expresa a preocupación polo descoñecemento dos prazos previstos polo Ministerio de Fomento para adaptar as estacións de tren á chegada do Ave
Publicado por o día 30/09/2019 na sección de Galicia,Xunta de Galicia

O traballo da Xunta permitirá que en outubro estean en marcha as obras das estacións intermodais de Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo, mentres avanza no deseño das da Coruña, Lugo e Ferrol

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, destacou hoxe o traballo da Xunta que permiten este mes de outubro que as obras das estacións intermodais que corresponden a Administración autonómica estean en marcha en Santiago, Ourense, Vigo e Pontevedra, mentres avanza nos deseños das estacións de autobuses de Coruña, Lugo e Ferrol.

Na súa intervención na comisión 2ª do Parlamento, puxo o acento en que a Xunta a día de hoxe pode falar xa de avances significativos para dotar ás principais cidades galegas de terminais de autobuses intermodais, cumprindo o acordado co Estado e os gobernos municipais para o seu impulso conxunto.

O director fixo un repaso detallado do estado actual das actuacións que está a desenvolver a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade nas distintas cidades.

Destacou que en Santiago o ritmo dos traballos da terminal de autobuses e a pasarela peonil permitirán telos rematados no verán do ano 2020, cun investimento da Xunta de máis de 12 millóns de euros. Así, subliñou, o traballo da Xunta para dispor dun novo complexo intermodal, aínda que na parte ferroviaria existen incertezas, polo que Concello e Xunta demandan a ADIF que deixe sen efecto o límite de 3,5 millóns de viaxeiros para iniciar as obras da terminal ferroviaria e as inicie canto antes.

Polo que respecta a Ourense, sinalou que as obras da terminal e as do aparcamento subterráneo están en marcha para rematar no 2020, e durante este outono axilizaranse co fin das obras de adecuación de vías que realiza ADIF. Aquí o investimento da Xunta e de máis de 9 millóns de euros, quedando pendente a licitación e inicio da nova estación ferroviaria, responsabilidade de ADIF e porta de entrada do Ave en Galicia.

Adiantou que no caso da intermodal de Pontevedra se iniciarán en breve os traballos de reforma interior da estación de autobuses, e a mellora da intermodalidade está a piques de ser adxudicada. As obras teñen un investimento de máis de 6 millóns de euros, dos que 4,5 os aporta a Xunta, e se prevé poidan estar rematadas no ano 2020.

En canto as actuación da Xunta en Vigo, as obras da terminal de autobuses teñen recibido un grande impulso durante este verán. As actuacións suporán para a Administración autonómica un investimento de 15 millóns de euros, ao colaborar económica e tecnicamente no complexo nodo de comunicacións que se executará neste punto. A previsión das Administracións é rematar as obras no ano 2021.

Ignacio Maestro afirmou que as estacións de autobuses serán intermodais cando cheguen os viaxeiros chamados polo Xacobeo 2021, e expresou a preocupación da Xunta polo descoñecemento dos prazos previstos polo Ministerio de Fomento para adaptar as estacións de tren á chegada do Ave.

Sinalou que máis alá dos avances acadados nestas actuacións, a Xunta lamenta as diversas situacións que levan a que as estacións intermodais da Coruña, Lugo e Ferrol estean nestes intres máis retrasadas que as súas irmás por causas alleas á propia Administración autonómica. E referiu o traballo da Xunta para reverter esta situación.

No que respecta á Coruña, o director referiuse aos avances da Xunta, á espera da firma dun convenio que clarifique as responsabilidades das Administracións. Dixo que xa se presentaron as principais liñas do deseño da nova terminal de autobuses integrada coa terminal de ferrocarril, cuxo proxecto básico se conta dispor este mesmo outono.

Explicou que en Lugo se está pendente desde febreiro da resposta de ADIF eo Concello á proposta de convenio feita pola Xunta, similar ao que se firmou nas outras cidades. Mentres tanto, avanzou, a Xunta licitará o contrato de servizos que permita avanzar na redacción do proxecto da terminal de autobuses, compatible co resto de estación intermodal e que permitirá que Lugo recupere un gran espazo libre, unha praza pública de 6.000 metros cadrados, no lugar onde se sitúa a actual estación de autobuses.

Máis crítico se amosou coa situación de Ferrol, onde nin ADIF nin Concello empezaron a pensar como recibir na cidade o novo trazado da liña ferroviaria A Coruña – Ferrol. Aquí, asegurou, a Xunta xa está a facer os seus deberes, ultimando os estudos previos da estación intermodal, onde se aproveita para facer unha proposta de cidade, de integración de servizos de mobilidades que van máis aló que os autobuses. Este traballo precisa da colaboración e o compromiso de ADIF e do Concello, cos que a Xunta espera poder sentarse a falar dun Convenio.

O director xeral de Mobilidade concluíu a súa intervención comprometendo a implicación da Xunta que, asegurou, continuará esforzándose por sacar adiante estas actuacións do único xeito que poden ser viables, coa leal colaboración entre as administracións con competencias.

Comentar noticia

Your email address will not be published.