O transporte interurbano e escolar irá á folga se a Xunta non resolve os problemas detectados

Os impedimentos para subrogar o persoal provocarán despidos e aumentarán os contratos temporais

A FGAMT-CIG vén de anunciar que non descarta convocar folga nos servizos de transporte público interurbano e escolar no caso de que a Xunta non resolva as problemáticas detectadas, sobre todo no que ten que ver coa subrogación do persoal por parte das empresas adxudicatarias e co empeoramento das condicións laborais como consecuencia do previsíbel aumento dos contratos temporais.

A central sindical denuncia que desde a posta en marcha o pasado 23 de decembro dos últimos contratos do Plan de Transporte Público de Galiza estanse a detectar graves dificultades para a subrogación dalgúns/has condutores/as, pero sobre todo de acompañantes.

A maioría dos problemas neste sentido rexístranse na empresa Monbus, que monopoliza o 70% dos contratos. “Por exemplo, na área da Coruña-Ferrol teñen xente subrogada na casa sen traballar, mentres que noutros casos non se cumpren os descansos de condución obrigatorios”, asegura Xesús M. Pastoriza. Para abordar estas cuestións o sindicato ten solicitada unha reunión coa Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade, “pero a Xunta está desaparecida”, denuncia.

A respecto do servizo de transporte escolar, cuxos contratos foron sacados a concurso a semana pasada, lembran que a subrogación afectará a 2000 traballadores/as pero, tal e como indica Pastoriza, “un terzo deles/as non cumpren as condicións, polo que nos imos atopar con moitos despedimentos”. Neste senso, critica que a Consellaría de Educación non quixese consultar coa representación sindical a elaboración dos pregos como si fixo a de Mobilidade no seu momento, “polo que os pregos do transporte escolar son moi inferiores en dereitos laborais aos do transporte interurbano”.

Contratación parcial

Xunto a isto sinala que ao tratarse de transporte escolar unicamente, sen incluír outros servizos, a carga de traballo non vai ser suficiente para completar a xornada de traballo. “En consecuencia, o contrato tipo vai ser a tempo parcial, e os/as traballadores/as que sexan subrogados/as a tempo completo van ver reducida a súa xornada laboral”.

Diante disto, a FGAMT-CIG urxe a intervención inmediata da Xunta para resolver estas problemáticas e evitar deste xeito tanto que se poidan producir despedimentos como que se empeoren as condicións laborais do persoal deste sector. “Do contrario, non descartamos incluso promover unha convocatoria de folga”, conclúe.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM