O traslado de fondos do Arquivo Provincial de Ourense á nova sede de San Francisco comezará o luns

A Xunta Galicia asume os gastos desta actuación que se prevé rematar a finais de setembro e que inclúe o movemento de seis quilómetros lineais de documentación
Publicado por o día 31/07/2020 na sección de Cultura

O traslado de fondos do Arquivo Provincial de Ourense á nova sede de San Francisco comezará o luns

Os traballos impulsado pola Xunta de Galicia para trasladar os fondos do Arquivo Histórico Provincial de Ourense ata a nova sede situada no antigo Convento de San Francisco darán comezo o vindeiro luns, 3 de agosto, e suporán que a actividade desta dotación cultural quede en suspenso ata que se poida garantir o acceso e consulta nas novas instalacións.

Esta operación, que se leva a cabo tras a adxudicación dos traballos por un importe próximo aos 100.000 euros, é a máis grande deste tipo realizada nunca en Galicia e está previsto que se prolongue ata finais de setembro. Os traballos incluirán o movemento de 54.000 caixas con seis quilómetros lineais de documentación a un depósito que nestes momentos ten capacidade para albergar case oito. Con todo, cómpre destacar que unha vez que o Ministerio de Cultura y Deporte culmine o equipamento da área de depósito, en marcha nestes momentos, a capacidade total deste Arquivo permitirá albergar aproximadamente 27 quilómetros lineais de documentos.

O traslado efectuarase de xeito ordenado, baixo a dirección e supervisión do persoal técnico do arquivo e atendendo, en especial, ás condicións de manipulación daqueles fondos singulares pola súa antigüidade, formato ou estado de conservación. Entre os documentos con estas características inclúense fragmentos de códices, impresos incunables, máis de 1.700 libros procedentes de institucións relixiosas, do Catastro de Ensenada ou do fondo antigo bibiliográfico, así como outros documentos anteriores a 1960, edicións facsímiles ou obras en formato especial como fotografías, planos mapas ou diapositivas, entre outros.

Centenar de visitantes

As novas instalación traerán consigo un considerable incremento da capacidade ao pasar dos 1.745m² do emprazamento actual, no Pazo Episcopal, ata os 9.350 m² da nova sede. Precisamente, co fin de dar a coñecer e achegar á cidadanía o novo inmoble, a Xunta realizou esta mesma semana unhas xornadas de portas abertas con visitas guiadas a cargo da dirección e equipo técnico do arquivo na que participaron un centenar de persoas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.