O Tribunal de Contratación Pública avala dous concursos municipais de zonas verdes

Segundo revelou Abel Caballero este venres, o órgano administrativo galego vén de rexeitar dous recursos especiais interpostos contra outros tantos contratos municipais de mantemento e conservación de parques e zonas verdes, por valor de 5,2 e de 33,2 millóns, respectivamente.
Publicado por o día 24/07/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O Tribunal de Contratación Pública avala dous concursos municipais de zonas verdes

No primeiro dos casos, o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia inadmite o recurso contra os pregos de contratación dos servizos de mantemento e conservación das infraestruturas públicas existentes no ámbito das zonas verdes da cidade, un contrato valorado en 5,2 millóns que inclúe mobiliario, fontes ornamentais, áreas de xogo e biosaudables e zonas recreativas de auga na zona verde de Samil.

Por causas de “forma e fondo”, en verbas de Abel Caballero, o órgano resolve a non admisión por falta de lexitimidade e/ou representación do recorrente e engade o Tribunal que, en todo caso, “procedería igualmente a desestimación” por non fundamentar a crítica ao volume de persoal previsto para o servizo nin argumentar que o plus salarial por toxicidade e perigosidade deba ser de necesaria aplicación en todas as categorías laborais.

A segunda resolución do Tribunal desestima outro recurso contra o anuncio e os pregos dos servizos de mantemento e conservación das infraestruturas públicas identificadas como zonas verdes, que inclúen todos os elementos vexetais e non vexetais da cidade, e valorado en 33,2 millóns.

Neste caso, o ente administrativo procede de novo a prol do Concello, multando incluso con mil euros ao promotor do recurso por incorrer en temeridade procesual. O recurso impugnaba que o novo prazo de ofertas non fora publicado no Diario Oficial da Unión Europea e alegaba unha incongruencia na memoria do orzamento de licitación, cuestións ambas que foron publicadas e aclaradas antes da presentación do recurso especial ante o Tribunal, que engade amais nesta última cuestión que “non existe argumentación para a pretensión de que o orzamento se encontre indebidamente calculado ou non se axuste aos prezos de mercado”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.