O TSXG declara firme a sentenza que anula os servizos mínimos impostos na folga dos bombeiros de Vigo

A decisión chega tras o contencioso administrativo presentado pola CIG
Publicado por o día 14/01/2021 na sección de Galicia,Sucesos,Vigo

O TSXG declara firme a sentenza que anula os servizos mínimos impostos na folga dos bombeiros de Vigo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de declarar firme a sentenza que anula os servizos mínimos impostos polo Concello de Vigo na folga dos bombeiros unha vez que o Goberno local desistiu de presentar un recurso de casación contra a resolución xudicial.

O Xulgado do contencioso administrativo número 1 de Vigo considerara ilegais os servizos mínimos decretados polo Concello a raíz da denuncia presentada pola CIG contra a decisión das autoridades municipais ao entender que vulnera un dereito fundamental como é o de folga.

Mais o Goberno local non deu marcha atrás no seu intento de boicotear a medida de presión adoptada polos bombeiros para rexeitar o decreto municipal que os obriga a traballar nos seus días libres e presentou un recurso ante o TSXG, que foi desestimado tendo en conta que os servizos mínimos son abusivos, carecen de xustificación e non foron negociados coa representación do persoal.

De feito, o TSXG fai súas as consideracións recollidas na sentenza do Xulgado vigués en canto a que os servizos mínimos impostos eran do 100% dos efectivos que desenvolven o seu labor nunha xornada ordinaria. En concreto, fixouse un operativo diario de 20 bombeiros e un xefe en funcións, casualmente ese número de efectivos é o mesmo que se establece para o servizo ordinario diario de bombeiros, por máis números que faga o Concello demandado no seu afán de confundir a realidade”, tal e como recolle a propia sentenza.

De igual xeito, a resolución xudicial fai fincapé na falta de xustificación desta medida, xa que a decisión adoptouse “sen xustificar esa necesidade de cobertura actual ou próxima no tempo; sen mencionar sequera razóns de perigosidade derivadas da época estival na que se ía a desenvolver a folga; e sen expoñer detalladamente o criterio seguido para fixar os servizos mínimos no 100% dos efectivos habituais nunha xornada ordinaria”.

Goberno fóra da lei

Dende a sección sindical da CIG nos bombeiros salientan que a importancia desta decisión xudicial radica en que vai permitir que todos os bombeiros poidan exercer o dereito de folga -levan máis dun ano cunha convocada pero sen poder facela efectiva- e instan os responsábeis locais a cumprir as sentenzas firmes, “porque senón incorren nun delito de desobediencia ás autoridades xudiciais”.

Ao mesmo tempo, critican a actitude da concelleira de Seguridade, Elena Espinosa, que hoxe mesmo se negou a dar a súa opinión sobre o asunto e limitouse a comentar que “dos temas xudicializados non fala”. Por iso, e mentres a situación non mude, consideran que o Goberno que preside Abel Caballero “está fóra da lei coa complicidade da xefatura de bombeiros, cando as Administracións deben ser exemplares no respecto aos dereitos dos traballadores/as”. Ademais, lamentan que con este xeito de proceder “poñen en risco a toda a cidadanía de Vigo”.

Finalmente, lembran que no mes de outubro presentaron unha denuncia penal contra o propio alcalde por vulneración do dereito de folga “porque el foi a autoridade municipal que coartou e impediu o lexítimo exercicio do dereito de folga, que lexitimamente foi convocada por dous sindicatos do Concello”.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.