O turismo rural en Galicia volve a medrar no inicio deste ano despois de acadar o seu máximo histórico en 2018

Decantáronse por este tipo de establecementos máis de 4.600 turistas, o que supón un incremento do 1,5% en relación co mes de xaneiro do pasado ano
Publicado por o día 01/03/2019 na sección de Turismo

O turismo rural en Galicia volve a medrar no inicio deste ano despois de acadar o seu máximo histórico en 2018

O turismo rural, despois de rematar o ano 2018 acadando o seu máximo histórico, volveu a crecer en Galicia durante o primeiro mes do ano. Así, segundo os datos difundidos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), decantáronse por este tipo de establecementos 4.610 viaxeiros. Esta cifra supón un incremento do 1,5% en relación co mes de xaneiro do pasado ano.

O turismo rural tamén lidera o crecemento no número de noites. Con respecto ao mesmo mes do anterior ano, a cifra incrementouse un 10,8% como consecuencia da subida da estadía media. Ao marxe do turismo rural, este comportamento é positivo en toda a demanda regrada en Galicia, onde o volume de noites subiu nun 1,6%, mentres que no conxunto do Estado esta cifra descendeu un 0,8%.

Este é o quinto ano consecutivo no que se observa un incremento da demanda turística en Galicia durante o primeiro mes do ano, confirmando o bo comportamento da demanda en temporada baixa grazas á estratexia de desestacionalización. Esta dinámica coloca o volume final por riba das 326.000 noites, o que supón a cifra máis elevada dos últimos dez anos. Ademais, tamén é o cuarto ano consecutivo no que sobe o turismo nacional na nosa Comunidade no mes de xaneiro, acadando en 2019 a contía máis alta da última década.

O turismo internacional, pola súa banda, presenta tamén un comportamento positivo con incrementos paralelos tanto da cifra de viaxeiros aloxados como do volume de pernoitas. Son, neste caso, cinco anos consecutivos de crecemento.

Turismo urbano

As cidades galegas nas que máis aumentou o turismo ao longo deste mes de xaneiro foi A Coruña, seguida de Santiago de Compostela e Vigo. No caso de A Coruña o número de viaxeiros nos establecementos hoteleiros sitúase en 28.153, o que supón unha evolución do 16,4% en relación ao primeiro mes do ano 2018. A capital galega foi visitada en xaneiro por 25.761 persoas, cun crecemento foi do 5,9%. O número de turistas que recibiu a cidade de Vigo foi de 25.087 persoas, un 3,8% máis que no mes de xaneiro do pasado ano.