O UM19 afronta a fase final do proceso de fabricación

En agosto competirán no Fórmula Student de Hockenheim e en Montmeló
Publicado por o día 13/06/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O UM19 afronta a fase final do proceso de fabricación

O equipo de Fórmula Student da Universidade de Vigo afronta a recta final do proceso de deseño e construción do seu monopraza, o UM19, co que este verán competirán nos circuítos de Hockenheim (Alemaña) e Montmeló. Tras varios meses traballando, como explica Alfonso Castro, responsable do Departamento de Márketing e Comunicación, os 35 compoñentes de UVigo Motorsport afrontan agora a fase de fabricación do novo monopraza.

“Estamos finalizando a fabricación do monocasco e dos compoñentes aerodinámicos. Ao longo destas últimas semanas fomos recibindo as últimas pezas do monopraza e en canto finalicemos o monocasco, comezaremos o proceso de ensamblaxe e testeo do coche”. A idea é que estea listo para probarse ao longo deste mes de xuño, xa que como explica Castro, Fórmula Student esíxelles un “vídeo co coche ready to race a finais deste mes”. Con todo, actualmente xa están a probar algunhas das novas pezas no anterior monopraza, o UM18.

As novidades do UM19

Este ano o deseño mantén a mesma liña ca do UM18, “cambiando só os aspectos que non renderon como esperábamos na tempada pasada”. As modificacións máis significativas no aspecto visual están no sistema de refrixeración, trasladando o radiador á parte traseira do monopraza. No que se refire á parte técnica, “podemos destacar o cambio no laminado do monocasco, obtendo unha redución no peso, e a implementación dun sistema de aerodinámica activa, mellorando o rendemento do coche tanto no paso por curva como en recta”. No que se refire ao deseño, manteranse as liñas dos coches predecesores pero a imaxe terá un peso particular grazas, en parte, a que este ano contan cunha estudante de Belas Artes no equipo de UVigo Motorsport, aínda que non queren adiantar nada para non “romper a sorpresa do día da presentación”.

O obxectivo: mellorar os tempos do UM18

A finalización do coche e as probas e tests desenvolveranse no próximo mes e medio, xa que as dúas carreiras que UVigo Motorspot disputará este verán serán en agosto. A primeira cita será a partir do 5 de agosto na pista de Hockenheim, durante a Fórmula Student Germany, e a segunda a partir do 19, no circuíto de Montmeló. Para estas dúas competicións, o equipo universitario vigués ten as súas expectativas moi claras. “Por unha banda, temos as probas en pista, que despois de telas completado todas co UM18, o noso principal obxectivo é superar os tempos acadados nas anteriores edicións”. Por outra banda, están as probas de enxeñería, nas que agardan “seguir na liña das tempadas pasadas, sempre intentando mellorar cada ano”.

O equipo deste ano, que está detrás do deño e fabricación do coche, conta con 35 membros, alumnos e alumnas procedentes das escolas de Enxeñería Industrial, de Enxeñaría de Telecomunicación e Enxeñaría de Minas e Enerxía, así como das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e, por primeira vez, Belas Artes.