O Umia CF presenta o seu Campus de Verán

Publicado por o día 21/05/2018 na sección de Galicia,Ribadumia

O Umia CF presenta o seu Campus de Verán

O Concello de Ribadumia informa de que esta maña foi presentado o “V Campus de Fútbol Formativo” do club de fútbol Umia, que se levará a cabo do 25 de xuño ao 7 de setembro.

No acto estivo presente o alcalde, D David Castro, que quixo mostrar o seu agradecemento e felicitación ao club por levar a cabo este tipo de iniciativas que, segundo sinalou, “non só axudan a inculcar valores sociais aos nenos e nenas do municipio”, senón que tamén supoñen unha “axuda na conciliación laboral das familias durante o verán”. O alcalde aproveitou tamén a ocasión para dar a en hora boa ao presidente do club, D. Manuel Abuín “Piris”, pola súa traxectoria no Umia dende que comezara como xogador do equipo.

O presidente, pola súa banda, recalcou o empeño do club por mellorar o campus ano tras ano, o que se plasma no “gran traballo tanto do coordinador como dos axudantes deste”, así como na participación dos cativos e cativas que “en cada edición é maior”, o que para el demostra que “as cousas se están facendo ben”.

Por último, o coordinador do Campus, Jorge Quintana, explicou as actividades que se levarán a cabo, que non se reducen aos adestramentos de fútbol. Natación, rutas en kayak ou clases de inglés son só unha pequena mostra de todas as actividades das que os rapaces poderán desfrutar. Este ano, ademais, o Club pretende realizar excursións ao acuapark de Amarante, en Portugal, ás Illas de Ons e ao campo de adestramento do RC Celta de Vigo, “A Madroa”, para que os rapaces poidan coñecer aos seus referentes futbolísticos.

O prazo de inscricións, que se poderán facer tanto no Campo de Fútbol da Bouza como no establecemento Lareka, abrirase o luns 4 de xuño e rematará o 15 de xuño no caso das matrículas para xuño e xullo e o 20 de xullo nas de agosto e setembro.