O venres comeza a folga das ambulancias, que se converterá en indefinida a partir do 28 de marzo

Os sindicatos acusan a Xunta de precarizar as condicións dos contratos, sen ter en conta o custo real, e de inhibirse agora que as empresas pretenden reducir os soldos un 10 %
Publicado por o día 06/02/2019 na sección de CC.OO,Protestas,Sindicatos

O venres comeza a folga das ambulancias, que se converterá en indefinida a partir do 28 de marzo

O venres, 8 de febreiro, comeza en Galicia a folga das ambulancias, que se desenvolverá en tres tramos: do 8 ao 11 e do 18 ao 24 de febreiro e do 4 ao 10 de marzo. A partir do 28 de marzo, se non houber acordo, o paro será indefinido. O motivo da convocatoria é o bloqueo das negociacións do cuarto convenio do transporte sanitario, que leva tres anos caducado. Trátase dun colectivo de máis de mil traballadores e traballadoras que agora, amais de seguiren coas súas condicións conxeladas, ven como as empresas pretenden acometer un «brutal» recorte dos soldos.

s sindicatos Comisións Obreiras, UGT e CIG denuncian que as empresas do sector concorreron aos concursos públicos e que a Xunta os licitou «sen ter en conta o custo real do servizo». Agora, a patronal pretende unha redución salarial do 10 %, «coa ameaza de deixar de pagar a partir do 31 de marzo», denuncian.

O comité de folga lembra que se trata dun sector con moita precariedade e no que as empresas, en moitos casos, non cumpren aquilo ao que están obrigadas por lei. Aseguran que con frecuencia o persoal fai máis de 50 horas extras ao mes —sen cobrar ou mal pagadas—, non se respectan os dereitos a descanso ou vacacións, falta persoal ou non se encargan da desinfección de uniformes, «pondo en risco a nosa saúde e a das nosas familias».

A precariedade dos concursos públicos «prexudica o propio servizo», inciden, e relatan que hai ambulancias en que chove dentro, ambulancias e bases sen a debida limpeza e desinfección, vehículos deteriorados e con avarías sen solucionar e ata «falta de material para realizar a función, que hai que coller nos hospitais porque moitas empresas non o poñen».

Críticas á inhibición da Xunta

Por último, desde o comité de folga culpan a Xunta de Galicia de permitir esta situación, antepondo os beneficios das empresas á correcta prestación do servizo público, e lembran que «nunha ambulancia pode ter que ir calquera persoa. Por isto, non só loitamos polos nosos dereitos, senón polos de calquera que algún día precise empregar un elemento básico no sistema sanitario galego».

Comentar noticia

Your email address will not be published.