O VII Congreso da CIG-Saúde reelixe a María Xosé Abuín como secretaria nacional

No proceso celebrado este sábado en Pontevedra tamén se renovou a Executiva e escolléronse os representantes no Consello Confederal
Por o 07/04/2018 | Sección: CIG,Sanidad,Sindicatos
O VII Congreso da CIG-Saúde reelixe a María Xosé Abuín como secretaria nacional

O VII Congreso da CIG-Saúde celebrado este sábado en Pontevedra reelixiu a María Xosé Abuín como secretaria nacional por 83 votos a favor, 12 en branco e 1 nulo. Durante o proceso, que se celebrou baixo o lema ‘Forza e compromiso. Onte, hoxe e sempre!, tamén se renovou a Executiva nacional e se escolleron os representantes da federación no Consello Confederal.

Un hotel pontevedrés acolleu este sábado unha cita na que arredor dun cento de congresistas debateron e acordaron as liñas de traballo a desenvolver pola federación de Saúde durante os vindeiros catro anos, ademais de renovar os seus órganos de dirección. Ao proceso concorreu unha única lista, encabezada por María Xosé Abuín, que resultou reelixida secretaria nacional.

Abuín foi precisamente a encargada de defender o informe de xestión da Executiva saínte, unha vez que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, se dirixiu a todos/as os presentes para agradecerlles que tivesen escollido a cidade para celebrar o encontro e animalos/as a continuar na defensa da sanidade pública e dos dereitos dos traballadores/as. O rexedor tamén aludiu á súa etapa como médico e delegado sindical da CIG.

O documento, que foi aprobado por unanimidade, comeza renovando a vixencia da frase coa que remataba o informe presentado no anterior Congreso: <<Nunca na historia da sanidade, e polo tanto no mundo sindical, asistimos en tan pouco tempo a un cambio tan destrutivo do noso sistema sanitario>>.

En consecuencia, foi necesario centrar a actividade sindical na defensa do sistema sanitario público, intentando paralizar as medidas de agresión e recortes, as discriminacións, os insultos á condición de traballadoras/es públicas/os do persoal da sanidade e os ataques neoliberais <<que só buscan un cambio de modelo que muda os valores da sanidade pública que defendemos polos do mercado>>.

Nos textos faise fincapé en que os cambios normativos instaurados polo Partido Popular, tanto no Estado español coma na Galiza, incrementaron a perda de dereitos laborais e consolidaron a perda do dereito ao acceso universal á sanidade pública. <<Durante estes catro anos o noso traballo sindical centrouse en mobilizacións e denuncias dos cambios normativos, contra a perda de dereitos, contra a privatización da sanidade pública e a rotura da equidade no acceso aos servizos sanitarios; todo isto fixo que, unha vez máis, nos diferenciaramos do resto de sindicatos estatais e corporativos na loita polos intereses xerais das traballadoras/es da sanidade pública galega que o actual Goberno do PP tenta destruír, feito que se viu reflectido nos últimos resultados das eleccións sindicais onde recuperamos a nosa condición de primeira forza sindical na sanidade pública>>.

Ao mesmo tempo, incídese en que foi necesario adaptar o traballo sindical para facer fronte ás novas formulas de xestión e privatización. Entre elas a creación das denominadas axencias, <<ao fronte das cales puxeron a persoas que cren que o sistema público só serve para pagar o seu salario, e as utilizan para a prolongación dos intereses privados; ano tras ano reducen o orzamento destinado ao gasto de persoal e investimentos, e pola contra medra o diñeiro que gastan en privatizacións. Crearon dous novos chiringuitos, chamados axencias, para introducir a xestión privada en algo tan fundamental coma é a investigación biomédica pública; e que sexa a industria farmacéutica quen se leve un maior beneficio da transferencia do coñecemento>>.

Tamén se denuncia que ao longo destes catro anos o PP, tanto desde o Goberno central como desde a Xunta, continuou coa súa política de privatización das infraestruturas sanitarias baixo o eufemismo de “colaboración pública privada”, cuxa máxima expresión foi a construción e posta en funcionamento do novo hospital de Vigo, <<no que a propiedade e a xestión das instalacións están en mans da empresa privada, e no que o Sergas estará de aluguer nos próximos 20 anos>>.

Neste modelo, ao xestionar a empresa privada concesionaria todos os servizos non sanitarios é ela quen subcontrata estes servizos con outras empresas, sen que o Sergas poida, nin sequera, opinar sobre as condicións da prestación destes servizos. <<Este modelo foi xustificado polo actual momento de crise económica, pero realmente agocha un cambio no modelo sanitario, dando cabida ao negocio das grandes corporacións>>.

Neste contexto, os recortes aplicados nos dereitos laborais tiveron unha repercusión lesiva nas condicións laborais e persoais do persoal. <<A aplicación deste recortes nos centros de traballo foi combatida con gran esforzo polas/os nosos/as delegadas/os, conseguindo coa súa insistencia unha aplicación menos lesiva destes recortes e unha aplicación máis correcta dos dereitos laborais ao persoal, fose este fixo ou temporal>>.

Con respecto á sanidade privada, incídese en que o traballo sindical da CIG neste sector <<é dabondo dificultoso en todos centros, tendo que loitar constantemente coas empresas, con outras organizacións sindicais e incluso cunha parte do persoal>>. Con todo, a central foi quen de obter uns bos resultados electorais nas comarcas da provincia da Coruña e Vigo, mentres que nas de Pontevedra, Lugo e Ourense foron menos positivos, o que lle permitiu manterse como segunda forza. Neste senso, saliéntase que alí onde a CIG ten maioría nas mesas de negociación dos convenios colectivos lógranse mellores condicións laborais e sociais.

Incrementar a defensa da sanidade pública

A continuación deuse lectura ao relatorio de acción sindical, que marca as principais liñas de traballo a desenvolver nos vindeiros catro anos:<<O noso papel de defender, dentro da nosa actividade sindical, a sanidade pública, vai provocar que durante os próximos tempos teñamos que incrementar a defensa desta, con campañas de denuncia para explicarlle á poboación a consecuencia da aplicación destas normas e, a poder ser, incrementar as mobilizacións>>.

Así mesmo, recóllense os retos de futuro que deberá enfrontar a federación nun contexto no que a sanidade pública terá que enfrontar nos próximos anos importantes cambios derivados do incremento da esperanza de vida da poboación, que supón un importante incremento de pacientes crónicos, pluripatolóxicos e de idade avanzada. <<Entre os anos 2014 e 2029, segundo datos de Eurostat e do INE, Galiza vai perder o 28,8% da poboación menor de 15 anos, e verá incrementada nun 13,7% a poboación de entre 65 e 84 anos, e nun 44,2% a de 85 anos ou máis. Polo tanto, o papel da Atención Primaria tería que ser potenciado, pois só dende este nivel asistencial ten sentido unha resposta racional á cronicidade e a pluripatoloxía>>. Neste senso, a CIG-Saúde aposta por que a Atención Primaria sexa o eixo central do sistema sanitario público.

Finalmente, adiántase que a federación seguirá a cumprir o seu papel de representante das traballadoras/es, <<e non de colega da Administración>> e renóvase o compromiso coas empregadas/os do sector para informalas/os das intencións que ten o Sergas no referente ás súas condicións de traballo. <<A Administración, en conivencia co resto de organizacións sindicais, intenta pecharnos as portas das comisións de negociación, porque pensa que así vai limitar a nosa acción sindical, mais non lembra que a CIG-Saúde sempre medra fronte aos seus ataques>>.

Pola súa banda, no relatorio de organización lémbrase que dende a celebración das eleccións sindicais do ano 2007 <<estamos a sufrir unha campaña artellada polo PP coa que, sen rubor e aproveitando a maioría absoluta, pretende impoñer a reordenación do mapa sanitario; a campaña iniciouse coa creación das áreas de xestión integrada, e vai a ter a súa culminación coa modificación da Lei de Saúde de Galicia, que incluirá o paso definitivo onde se modifica o mapa sanitario de Galiza, pasando das 11 áreas sanitarias actuais a sete, das que dúas pasarían a ser de ámbito provincial>>. Deste xeito, as áreas de xestión integrada coincidirán coas áreas sanitarias.

Intervención do secretario xeral

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, tomou a palabra no acto de clausura unha vez rematada a intervención do secretario comarcal da CIG-Pontevedra, Marcos Conde, para saudar a nova dirección da federación de Saúde en nome da Executiva Confederal. O máximo responsábel da central salientou en primeiro lugar a “intachábel traxectoria da CIG-Saúde na defensa da sanidade pública”, cualificou a federación como “único baluarte en contra das privaticións” e animou a continuar a enfrontar o proceso mediante o que se pretende “darlle barra libre ao capital para que faga negocio coa saúde das persoas”.

Carril incidiu nos ataques que está a padecer tanto o sistema público como privado, con reducións de persoal e de medios, algo que afecta directamente á calidade asistencial. “A defensa da sanidade pública é fundamental para frear o agravamento da situación social que atravesamos”. Neste senso, advertiu que nos atopamos en risco de emerxencia social e que corremos o perigo de que se consolide a precariedade e a pobreza laboral como consecuencia da crise económica e das reformas aplicadas polos Gobernos do PP e do PSOE.

Fronte a isto, fixo fincapé na necesidade de acumular forzas e intensificar a mobilización. “Non podemos acomodarnos, temos que dar pasos cara a adiante como fixemos en 2010 coa convocatoria dunha folga xeral en solitario en defensa do sistema público de pensións ante o ataque perpetrado mediante a reforma pactada entre PP, PSOE, sindicatos estatais e patronal”. Reiterou a necesidade de pular pola derogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións e advertiu sobre “as mentiras e os discursos apocalípticos” que falan da quebra do sistema público de pensións.

Neste punto aludiu ao debate iniciado na central sindical sobre a necesidade de abrir un proceso mobilizador que culmine na convocatoria da folga xeral, un dos maiores instrumentos que posúe a clase traballadora na defensa dos seus dereitos laborais e sociais. “Temos que dar unha resposta ao empobrecemento xeneralizado da maioría da poboación, e esa reposta pasa por levar adiante medidas atrevidas e por intensificar a contestación social”.

Precisamente baixo esta premisa a CIG celebrará asembleas de delegados/as a semana que vén en todas as comarcas do país para debter a respecto desta convocatoria e trasladarlle aos representantes sindicais a necesidade de que leven a todos os centros de traballo a conveniencia de apostar por unha folga xeral. Ao mesmo tempo fixo un chamamento á unidade sindical, pero circunscribiuno a discutir nas empresas as reivindicacións que se plantexarían coa convocatoria da folga xeral e as alternativas que as centrais achegarían para rematar con esta situación. “Non descartamos facer un chamamento formal ás direccións de CCOO e UGT, pero para nós a unidade sindical constrúese dende abaixo, nos centros de traballo e non nas cúpulas”.

Intervención da secretaria nacional

A encargada de pechar o acto foi a recén reelixida secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, que comezou o seu discurso agradecendo a confianza depositada na nova dirección e reiterou o compromiso da federación coa loita sindical “e co traballo ben feito dende a nosa honestidade”. A continuación botou man dunha frase de Castelao para marcar os obxectivos dos vindeiros catro anos: <<O verdadeiro heroísmo consiste en converter os soños en realidade e as ideas en feitos>>.

Estas ideas que na súa opinión deberan converterse en feitos a través do “heroísmo” do traballo sindical pasan por lograr “unha Galiza na que sexamos donas de nós, na que sexamos capaces de tomar as nosas decisións”. A isto contrapuxo o avance na recentralización da negociación colectiva nas institucións da capital do Estado. “Unha parte importante das decisións das políticas de persoal tómase en Madrid, e con posterioridade nun acto de paripé ratifícanse estes acordos nas mesas de negociación do Sergas e da Función Pública”.

Nesta liña, chamou a combater nos próximas catro anos “non só as medidas que nos impón o Goberno do PP, senón que teremos que seguir a denunciar que estas medidas son froito dos pactos sindicais que se asinan en Madrid, e que o Goberno e as organizacións sindicais pactan que sexan norma básica para todo o Estado”, algo que vulnera o dereito á negociación das mesas sectoriais “e os nosos dereitos como país”. Denunciou

que estas decisións, que destrúen postos de traballo e condenan a moitas persoas á precariedade laboral e á emigración, adóptanse a cambio de prebendas. “Senón non é entendíbel que estas organizacións sindicais asinen taxas de reposición que eliminan emprego e facilitan privatizacións”.

Abuín pechou o seu discurso con outra frase, nesta ocasión de Roalía de Castro: <<É feliz o que soñando morre e desgraciado o que morre sen soñar>>. “Nós seguiremos a combinar soños con heroísmo; queda moito por facer e ímolo conseguir”, rematou.

A Executiva Nacional, que recibiu 87 votos a favor, 8 en branco e 1 nulo, queda integrada polas seguintes persoas:

-Mª Xosé Abuín Álvarez.

-Carmen Aira Díaz.

-Ana Lestón Gallardo.

-Manuel González Moreira.

-Sandra Martínez Yáñez.

-Mª Áurea Rodríguez Blanco (Marián).

-Xoana Zamudio Cutrín.

-Fernando Rivas Pérez.

-Víctor Vila López.

Os representantes da federación no Consello Confederal da CIG, que recibiron 95 votos a favor e 1 nulo, serán:

-Ana Lestón Gallardo.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.