O voceiro de En Marea, Luís Villares, e a deputada no Parlamento de Galicia Paula Vázquez Verao reuníronse coa investigadora María de la Fuente.

En Marea vén de presentar unha iniciativa no Parlamento de Galicia despois da reunión que o voceiro Luís Villares e a deputada Paula Vázquez Verao mantiveron coa investigadora María de la Fuente, que denunciou ser penalizada no acceso a un posto de investigación no Instituto de Salud Carlos III
Por o 19/03/2018 | Sección: En Marea,Política
O voceiro de En Marea, Luís Villares, e a deputada no Parlamento de Galicia Paula Vázquez Verao reuníronse coa investigadora María de la Fuente.
Compartir en:

O voceiro de En Marea, Luís Villares, e a deputada no Parlamento de Galicia Paula Vázquez Vearo acaban de reunirse coa investigadora María de la Fuente, que denunciou publicamente a penalización que sufriu no Instituto de Salud Carlos III por ser nai e acollerse á baixa por maternidade. Á hora de avaliarse os seus méritos para acceder a un programa científico o tribunal tivo en conta os últimos 5 anos da súa carreira, durante os que a investigadora se acolleu a dúas baixas por maternidade, segundo lles explicou aos membros de En Marea. Ao modo de ver de Luís Villares, “a solución acorde a dereito e non discriminatoria era unha prorrata entre o tempo traballado e os méritos alegados para ter a mesma oportunidade có resto de persoas que competían por ese proxecto” nos que non se tivesen en conta os 13 meses nos que ela se acolleu ao seu dereito legalmente establecido de coidar dos seus fillos. Deste xeito, teríase evitado a penalización por ter decidido ser nai, algo que non ocorre xa no Espazo Europeo de Investigación, onde xa hai unha normativa que impide estas discriminacións.

Tras coñecer a súa situación, En Marea presentou unha iniciativa no Parlamento de Galicia na que se solicita que se modifiquen as bases das convocatorias dos organismos adscritos ao Sistema Nacional de Saúde para garantir que se inclúan nas bases de contratación, dos concursos públicos e bolsas de investigación “cláusulas de non discriminación polo exercicio dos dereitos laborais recoñecidos legalmente por razón de maternidade”.  Ademais, En Marea insta os organismos responsables a que inicien procesos de revisión de procedementos administrativos firmes onde se produzan estas discriminacións para “revogar de oficio as situacións xurídicas individualizadas nas que xa se teña vulnerado o dereito á igualdade” como foi o caso de María de La Fuente. Finalmente, En Marea tamén reclama que se recoñeza nos procedementos administrativos ou xudiciais non firmes a situación de discriminación producida.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, subliña que o caso de María de La Fuente “é unha discriminación inxusta que vulnera o artigo 14 da Constitución no que se recolle o dereito de tódalas persoas a ser iguais ante a lei”. Así, Villares entende que a resolución desta situación debe ser “exemplar” tendo en conta tamén que “aínda resoan os ecos da mobilización do 8 de Marzo na que as mulleres reivindicaron a visibilización da fenda salarial, o papel nos coidados familiares e a superación dos teitos de cristal que son como moles que lles impiden progresar socialmente”.

A reunión de María de La Fuente con En Marea é a primeira que a investigadora realizará con tódolos partidos con representación na Cámara galega, unha ronda de contactos que Luís Villares agarda que remate cun posicionamento “unánime” de todo o Parlamento para rematar con este tipo de discriminacións.