O workshop da cátedra de feminismos esixe controis para rachar coa dixitalización do machismo e a violencia dixital que sofre as mulleres

Manuel Reigosa: “Moitas das mensaxes que se están a trasladar nas redes son trogloditas, con machitroles campando ás súas anchas aos que temos que plantar cara”
Publicado por o día 03/12/2020 na sección de Deputación de Pontevedra,Universidade de Vigo

O workshop da cátedra de feminismos esixe controis para rachar coa dixitalización do machismo e a violencia dixital que sofre as mulleres

A repulsa e condena do crime machista en Gondomar, e a homenaxe a Soledad, a muller asasinada, marcou esta mañá o acto inaugural do II workshop “Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado”, impulsado pola Cátedra de Feminismos 4.0 da UVigo e a Deputación de Pontevedra. A xornada on line, moderada pola xornalista Selina Otero, foi seguida por preto de 600 persoas, e participaron a presidenta provincial, Carmela Silva, o Reitor Manuel Reigosa, amais das maiores expertas en tecnoloxía e xénero como Montserrat Boix, Coral del Río, Ana Freire, Silvia Rueda, Luz Castro, Proyecto Una, BenCuriosa e Macarena Hernández, que reflectiron sobre o sexismo e a desinformación, muller e tecnoloxía.

Na apertura, Carmela Silva amosou o seu “total rexeitamento e indignación” ante o crime machista de Gondomar: “Son xa 42 as mulleres asasinadas no que vai de ano e 1.075 dende que hai rexistros e é intolerable”. Na mesma liña o reitor Manuel Reigosa, dixo que “hoxe é un día de tristura”. “Algo está fallando. Unha sociedade que non conta coa metade da súa poboación é unha sociedade enferma”. Neste eido, presidenta e reitor apelaron á necesidade de traballar pola “igualdade real”, poñendo como exemplo á Cátedra 4.0, que “está a levar o feminismo a todos os lugares, porque precisamos sumar coñecemento neste novo mundo da innovación, dixitalización no que aparecen novas formas de exercer violencia e atacar  ás mulleres”.

Xa sobre a xornada, Carmela Silva reivindicou a necesidade de comezar a tomar medidas fronte aos ataques machistas nas redes e establecer mecanismos para combatelos. “Debemos organizarnos e traballar en rede –asegurou –  para responder ao machismo dixital porque estamos a ver como está acontecendo con Paula Dapena e temos que tomalo moi en serio”. Silva puxo enriba da mesa datos relativos ao estudo da ONG Plan International no que se desvelou que a nivel global máis da metade das nenas e adolescentes sofren acoso online, que o 25% delas sente que está en perigo físico e que o 42% perdeu a confianza en si mesma a raíz deste acoso. Segundo o estudo, unha de cada dúas nenas sinte que o acoso é máis intenso na rede que na rúa, e que esta violencia ten como elementos máis comúns os insultos, as humillacións, os comentarios sobre o aspecto físico e as ameazas sexuais, principalmente en Facebook a nivel internacional e en Instagram a nivel estatal, aínda que acontece en todas as redes. Tamén destacou Silva que en España os datos do estudo son “aínda peores” xa que o 88% das mulleres recoñece que que se están enfrontando a máis dunha forma de acoso.

O reitor da Universidade de Vigo Manuel Reigosa, que situou á presidenta provincial como a grande referencia en igualdade do sur de Galicia, fixo fincapé en que “a igualdade real aínda está moi lonxe” e puxo como exemplo, un estudo que desvelou que durante a pandemia os homes incrementaron a súa produción científica mentres que a das mulleres baixou. “Segue habendo unha desigualdade real” e por iso cómpre “unirnos, estudar, investigar e traballar arreo, dende o rigor, aproveitando que hai unha vaga de cor violeta que está a poñer enriba da mesa, con firmeza que ten que haber igualdade real”. O reitor puxo como exemplo a Cátedra e a xornada porque “moitas das mensaxes que se están a trasladar nas redes son trogloditas, con machitroles campando ás súas anchas aos que temos que plantar cara”.

“Nestes momentos podemos dicir que nos hackearon a nós”

A xornalista de RTVE Montserrat Boix abriu o workshop cunha conferencia sobre “Sexismo e desinformación nos novos escenarios dixitais” na que lamentou que, catorce anos despois de que publicase “Hackeando ao patriarcado” onde aludía á oportunidade que presentaban entón as novas tecnoloxías para a loita feminista, “nestes momentos temos que dicir que nos hackearon a nós”. “O sistema estanos a hackear ás mulleres e ao feminismo porque baixamos a garda; estamos utilizando automatismos, non analizando as situacións a fondo e non somos capaces de protexernos”. Neste senso, apuntou que nun momento no que o mundo dixital condiciona ao real e “a política funciona a golpe de titulares tuits”, é máis necesario que nunca “verificar todas as informacións que nos chegan” e apostar polos datos fronte ás emocións. Boix repasou exemplos de como as fake news están a condicionar perigosamente o pensamento da sociedade e tamén se referiu á necesidade de analizar como os algoritmos tamén están a construír nesgos sexistas ou racistas ou como o Big Data “organiza modelos de negocio coa nosa privacidade”, ata o punto de que “abusadores están a conseguir datos das súas parellas comprándoos a data brokers”. Concluíu sinalando que o acoso ao feminismo na Rede “estase comezando a comprobar que son prácticas organizadas”. “Ou somos capaces de buscar mecanismos para defendernos ou nos hackean definitivamente. Ao final vannos calar, ese é o obxectivo. Temos que ser máis solidarias e poñer máis liñas vermellas”.

“A sobrerepresentación das mulleres nos sectores que pagan menos”

A catedrática Coral del Río centrou a súa intervención nos roles de xénero e na importancia dos estereotipos no mercado laboral. Apoiou o relato con gráficos coas diferenzas entre homes e mulleres ao longo das súas vidas, dende a elección de estudos (onde sigue vixente o clixé de que a ciencia é para os homes) ou a corresponsabilidade ata á brecha salarial, que vai en aumento a partires do nacemento do primeiro fillo ou filla no seo dunha parella heterosexual. Del Río referiuse a este último punto como un ‘imposto á maternidade’ que ten que ver máis con factores culturais que naturais. A experta salientou tamén a falacia de que “as mulleres son así porque elas o desexan e porque teñen uns intereses distintos aos homes”, falsidade que “serve para regular o mercado dos ventres de aluguer ou xustificar a prostitución”, que moitas veces se cataloga como elección individual. En canto a brecha salarial Del Río puxo sobre a mesa o dato de que a relación salario/hora é un 12,74% máis alta para os homes que para as mulleres en postos con ocupacións similares, o que quere dicir que “as mulleres están sobrerepresentadas en sectores que pagan menos ou en ocupacións con salarios máis baixos”.

“Muller e tecnoloxía”

A profesora da Pompeu Fabra, Ana Freire, reivindicou a importancia de impulsar a liberdade de elección das nenas dende novas, facilitándolles o contacto coa tecnoloxía e permitirlles medar sen estereotipos de xénero. Tamén fixo fincapé no nesgo de xénero en tecnoloxía, na intelixencia artificial para o que propón como solución achegar datos equitativos, impulsar grupos de traballo diversos, apostar pola transparencia dos algoritmos e por unha maior xustiza no seu adestramento. A profesora explicou proxectos nos que traballa como Visibilízalas, concurso dedicado a romper estereotipos de xénero en nenas e nenos de primaria e secundaria; divinAI, un portal web para analizar a diversidade de xénero na intelixencia artificial; e un terceiro para aumentar o número de mulleres en carreiras técnicas.

“Se as mulleres non estamos nas STEAM nos imos quedar fóra dos postos de traballo”.

A xornada da mañá rematou cunha mesa redonda na que participaron Silvia Rueda, Luz Castro e Proxecto Una Colectivo. Silvia Rueda, doutora en Enxeñería Informática, abordou as iniciativas da Cátedra de Fenda Dixital de Xénero da Generalitat e a Universitat de València. Rueda referiuse aos tres niveis de fenda dixital para o uso das TIC por parte das mulleres, que se corresponden co acceso ás tecnoloxías, a formación e o emprego. A experta alertou que existe unha gran diferencia por exemplo no acceso ao teléfono móbil, especialmente en mulleres con menos recursos, “o que pode ter consecuencias graves, por exemplo, en casos de violencia de xénero, xa que nin sequera poden contactar con persoas externas”. No caso da formación, incidiu en que as carreiras STEM só son cursadas por un 28% de mulleres: “Se o futuro está relacionado con estas carreiras e nelas non estamos as mulleres, as mulleres nos imos quedar fóra dos postos de traballo”. E, no emprego, citou como dato significativo que no ano 2019, “o 60% das empresas TIC non tiñan contratada a ningunha muller”.

“Se seguen creando videoxogos e robots nos que se perpetúan estereotipos de xénero”

Luz Castro, doutora en informática, centrou a súa intervención nos nesgos de xénero existentes na tecnoloxía, que “non desaparecen tan rápido como nos gustaría”. Castro puxo en valor a figura de mulleres como Ada Lovelace, quen sentou as bases da programación actual, ou Ángela Ruiz Robles, precursora do libro electrónico. Ademais, salientou que hoxe en día aínda se seguen creando videoxogos nos que se perpetúan os estereotipos de xénero e nos que as mulleres compren un papel secundario a pesar de ser xa o 44% das persoas que xogan a eles en España, por iso, resaltou Castro, “é importante que haxa mulleres na industria dos videoxogos”. Para finalizar a súa intervención a doutora advertiu que “os robots que se están construíndo con intelixencia artificial e aspecto feminino están orientándose a tarefas de coidado, axuda e subordinación”, perpetuando así os nesgos de xénero.

As “masculinidades feridas” nas redes

“Proyecto UNA”, o colectivo millenial de escritura e investigación traballa nas interseccións entre as novas formas de fascismo e as masculinidades feridas, así como nas novas estratexias comunicativas e de creación de identidade a través de internet e no estudo do feminismo como movemento de masas. Segundo a súa representante, Internet ten conseguido captar á xente que “se sinte soa” por mor das identidades atomizadas que ten creado o capitalismo e, entre esa xente, atópanse as “masculinidades feridas”, homes que “non atopan o seu lugar no mundo e a través das redes crean comunidades” e tamén grupos racistas ou misóxinos que promoven ou xestan en Internet novas formas de violencia.

Xa pola tarde celebraranse os talleres virtuais: “Vikimaratón Feminista”, facilitado por “BenCuriosa,cooperativa”, e o “Obradoiro para combater machitroles”, dirixido pola xornalista Macarena Hernández. Ambos os dous tiñan todas as prazas esgotadas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.