O XIX Trofeo Amizade de natación reúne en Ponteareas a máis de 280 nadadores e nadadoras

Publicado por o día 08/06/2018 na sección de Galicia,Ponteareas

O XIX Trofeo Amizade de natación reúne en Ponteareas a máis de 280 nadadores e nadadoras

O trofeo Amizade celebra a súa XIX edición este sábado no Complexo Deportivo Álvaro Pino de Ponteareas en colaboración coa Concellería de Deportes que dirixe o socialista Benito Márquez. 

Esta proba manterá a súa tradicional estrutura en dobre sesión de mañá e tarde e inclúe múltiples distancias e estilos para que os nadadores poidan elixir a súa proba individual, e tamén se disputarán relevos por equipos. A sesión de mañá comeza ás 11 horas e a de tarde ás 17 horas. Unha hora antes a piscina estará a disposición dos nadadores para facer os exercicios de quecemento.

A inscrición de 281 nadadores de trece equipos diferentes reflexa a boa acollida que esta proba ten na familia da natación de competición galega. 

O sistema de cronometraxe electrónico permite que os nadadores e nadadoras poidan homologar as marcas conseguidas este sábado para participar tanto en campionatos autonómicos como nacionais. Conseguir estas marcas mínimas será un dos alicientes do torneo; o outro será facerse cos primeiros postos do pódium masculino e feminino, premiados co Trofeo Concello de Ponteareas para os nadadores máis completos por puntuación fina.

“Esta edición do Trofeo Amizade é unha boa oportunidade para ver competir aos nadadores locais como Pablo Cabana, Carla Faro, Andrea Domínguez, Lucas Costa, Laura Rodríguez, Marcos Martínez ou Javier Alonso xusto antes de viaxar a Sevilla onde participarán no Campionato de España de Natación en Augas Abertas”, sinalou Benito Márquez, concelleiro socialista de Deportes.

A entrada é de balde e o club anima a todo o público a presenciar en directo a proba e dar apoio aos seus equipos, en especial ao CN Ponteareas.