Opinión de Iria Rodríguez | O xornalista Robert Whitaker e o movemento antipsiquiatrico. Os contos chineses da psiquiatría.

Por o 14/04/2018 | Sección: Opinión,Opinión por Iria Rodríguez
Opinión de Iria Rodríguez | O xornalista Robert Whitaker e o movemento antipsiquiatrico. Os contos chineses da psiquiatría.

O xornalista Robert Whitaker—finalista en 1998 do premio Pulitzer na categoría for Public Service—desvelou que psiquiatras bioloxistas estadounidenses (Stephen Hyman, Kenneth Kendler, Ronald Pies) admiten que nunca deron probado as súas teorías sobre a relación entre esquizofrenia e dopamina e depresión e serotonina. Na literatura médica, os especialistas que idearon a teoría dos desequilibrios químicos (psiquiatras moleculares) admiten que nunca puideron probala (xa o sabían en 1985). Ronald Pies chegar a definir tales teses como unha mera lenda urbana—sobre a que se construíu toda unha industria—Whitaker recrimínalles que nunca se molestasen en desmenti-las súas teses iniciais publicamente aínda que de feito si o fixeran por escrito nos seus papers. Whitaker realizou un inxente e minucioso traballo de lectura de gran parte de toda esa literatura. Foille preguntando a moitos deses especialistas as dúbidas que lle ían xurdindo e pediulles axuda para que lle fosen indicando as lecturas que estes cresen oportunas: tratábase de ser imparcial, de ter toda a información. Partiu dun punto de vista bastante conservador, de premisas moi estendidas na sociedade americana—e na europea—e foi encontrando o que foi encontrando. Publicou as súas conclusións nunha primeira obra, Mad In America, que completou cunha segunda, Anatomía dunha epidemia (traducida o castelán). Recentemente escribiu Psychiatry Under the Influence, no que se centra no problema da corrupción no mundo da psiquiatría.

De feito, nunha charla en 2010, no contexto dun debate crispado, profesionais do Massachusetts General Hospital—un hospital de Harvard—reprocháronlle, incomodados con Whitaker, que os estaba deixando quedar en mal lugar por andar dicindo que eles aínda crían nas teses moleculares.

Olga Runciman, psicóloga especializada na escoita de voces e supervivente dun diagnóstico de esquizofrenia e agresións sexuais, lamenta que se invistan grandes cantidades de diñeiro na busca de causas biolóxicas e non en axudar con medios económicos a aquelas persoas que sofren mediante psicoterapia—as únicas causas do sufrimento psíquico que non ofrecen dúbidas son as experiencias traumáticas—e na difusión dunha forma de curar moito máis efectiva, sen afondar nas feridas de aqueles que sofren (restrinxindo as súas liberdades) nin danar os seus cerebros nin a súa saúde en xeral (alta toxicidade do litio).

Uns medicamentos ou outros permanecen máis ou menos tempo no organismo. As persoas que están a deixar medicación que tende a ser eliminada con maior rapidez do organismo, como a paroxetina—cada persoa, cada fisioloxía é un mundo—tenden a sufrir de forma máis intensa a síndrome de abstinencia; un pai nunha charla de Will Hall  apuntou que quizais sería necesario ter en conta a combinación de medicamentos e baixa-las doses en combinación porcentual e non tira-los diferentes medicamentos un por un (aínda que a retirada de cada un deses medicamentos sexa así mesmo gradual). Will Hall contestoulle a aquel pai que nunca tiña pensado niso e que ía telo en conta no futuro. Will encóntrase con certa frecuencia con algo que el considera absurdo: pacientes ós que se lles prescriben dúas drogas diferentes que teñen exactamente a mesma función.

Will Hall—sobrevivente dun diagnóstico de esquizofrenia, leva 20 anos sen tomar medicación, sinte voces—escribiu unha Guía que se pode descargar gratuitamente en internet en PDF en varias linguas na cal se centra no problema de como deixar de tomar medicación de forma segura. Ou non deixala. Ou rebaixa-las doses. Certos medicamentos si, outros non. Intenta proporcionar ferramentas para que cada quen encontre o seu camiño. Reduci-los riscos. Reduci-lo dano. Reduci-lo sufrimento. Encontrar alternativas.

O principal problema co que se encontran os pacientes á hora de deixar de toma-la medicación adoita se-lo insomnio. Existe unha vella confusión entre os síntomas que conforman o síndrome de abstinencia—psicose ou insomnio—e os síntomas propios dos chamados ‘trastornos’, creacións macabras á imaxe e semellanza das doenzas infecciosas, como explica Whitaker (cambio de paradigma coa publicación do MSS 3 en 1980).

As voces. En si o problema no son as voces sentidas senón a relación do paciente con elas. En ocasións, certa voz representa ó agresor sexual e aparece por primeira vez trala agresión. Outras voces xorden na forma de alguén que consola ó neno, á nena, que sufre, como por exemplo unha figura materna, como mecanismo de defensa. Algunhas persoas senten voces e non lles supón un problema. Olga R. afirma que sentiu voces toda a súa vida, dende a infancia, e a medicación non fixo que desaparecesen senón que foron a máis porque as súas condicións de vida persoais empeoraron (perdeu o seu traballo, privada de liberdade, totalmente discapacitada pola medicación) pola decisión dun señor ó que un diploma de medicina lle outorgou un poder absoluto non se sabe moi ben baseado en que (ou si: en quimeras represivas).

Os medicamentos que supostamente corrixen os desequilibrios químicos que, estarían (pero non están) segundo teses nunca probadas na orixe dos supostos “trastornos mentais”, en realidade, causan desequilibrios químicos. Segundo Whitaker, Breggin, iso si está si probado. O propio café causa desequilibrios e reaxustes no noso cerebro. O sufrimento psíquico é real. Non son reais as teorías nas que se basean medicamentos como os antipsicóticos, inicialmente denominados lobotomizadores químicos. En realidade a denominación anti-psicótico responde a puro márketing.
Whitaker explica polo miúdo como se foi construíndo o concepto (imitando falsamente a denominación anti-biótico, como se se tratasen de magic bullets: podemos afirmar
rotundamente que os antipsicóticos non son magic bullets).

Olga incide na prevención e no tratamento das causas obxectivas (agresións) que de forma moi evidente e con gran frecuencia subxacen agochadas tras unha falsa fachada de comportamentos que poidan coincidir con certas etiquetas de aires biolóxicos. Hai máis de 25 años que a investigación na busca de causas de orixe química foi abandonada case na súa totalidade aínda que aquí en Europa os médicos sigan tratando os pacientes como se aqueles que as imaxinaron nun primeiro momento non abandonaran as súas propias teorías tras verse incapaces de demostralas. Na actualidade a corrente bioloxista está trasladando os seus esforzos cara á xenética na busca do xene que cause diversos trastornos mentais entre os cales a esquizofrenia probablemente sexa
a etiqueta que de forma más cruel se lle ten imposto ás persoas, case a única razón de ser da psiquiatría (servindo de medio de represión, maltrato institucional, indefensión por parte do individuo fronte ó profesional da psiquiatría que detén todo o poder nas súas mans, o poder de esnaquizar vidas, con garantía de impunidade).

Will Hall reivindica como Olga, como Jacqui Dillon, e tantos outros activistas, o dereito a oír voces. En marcos culturais non hexemónicos sentir voces non é considerado un síntoma de doenza algunha e moito menos un indicio de que o que as sinte poida presentar un perigo para a integridade física dos demais. O esforzo educativo, institucional, democrático, humanitario, progresista debe ser dirixido a ensinar á sociedade a non considerar estas persoas como seres enfermos. O cerebro daquelas persoas que senten voces funciona correctamente. Non pode ser comparado cun corazón que non bombea sangue correctamente. O mítico heroe da antipsiquitría Thomas Szasz (1920- 2012) afirma que só podemos falar de doenza cando un órgano non funciona, un corazón que latexa de forma irregular (arritmia), un pulmón que perde elasticidade (enfisema); os médicos non se ocupan do comportamento humano. Unha persoa cun cerebro san, sufre psiquicamente (angustia, agorafobia), ten alucinacións, sinte voces. É máis, a apatía é un efecto pernicioso buscado consecuencia da morte celular por electroshock ou como efecto dos chamados enganosamente ‘antipsicóticos’ (na realidade, como xa dixemos, lobotomizadores químicos). Szasz cita como invencións absurdas do pasado a drapetomanía (escravo que fuxe) ou a histeria (muller que se revela contra a dominación de xénero). Un cerebro enfermo, roto, sería un cerebro con tumores, aneurismas, tecido celular morto, doenza de Huntington, encefalite, etc. En fin, problemas dos que se ocupa a neuroloxía. Will Hall refírese ironicamente ás diferentes edicións do manual DSM da American Psychiatric Association como a lista diabólica… Will, a igual que outros activistas, establece un paralelismo entre a homosexualidade (historicamente considerada unha patoloxía) e a capacidade de sentir voces e defende que debemos aprender a percibir dita capacidade como algo normal pois o é; tan natural e propio do ser humano como o é a capacidade de soñar; gran parte do sufrimento da persoa que sinte voces radica en como a tratamos os e as demais: a sociedade, as institucións, a lei; na percepción dos e das demais.

Como Olga explica, non o 100 % das persoas capaces de sentir voces foron agredidos, non sempre é unha reacción a un evento traumático, e non sempre sentir voces supón un obstáculo na vida corrente da xente. Se ben é certo que aparición inicial das voces non sempre se corresponde cun evento traumático, a aparición daquelas que aterrorizan ás persoas que as senten (algunhas van e veñen, teñen diferentes personalidades) con frecuencia si se corresponden cun trauma nunha alta porcentaxe. Un medo infundado, que teñen adoito as persoas as que algunha voz sentida aterroriza, é que a voz sexa máis forte ca elas. Olga explícalles ós seus pacientes que se unha voz lles suxire matar a alguén non significa que inexorablemente vaian levar a cabo tal acción. O medo a ferir ou matar a outras persoas está na orixe nalgunhas tentativas de suicidio ou suicidios. As persoas necesitan saber que as súas voces non teñen o poder de determina-los seus actos. Necesitan aprender a identificalas, a coñecelas, a entende-lo seu significado. Olga conta a historia dun rapaz, dun paciente seu, cuxo primeiro episodio psicótico coincidiu precisamente coa morte do seu avó. Co tempo e con paciencia, Olga conseguiu que o rapaz lle contase que o seu defunto avó abusara sexualmente de el durante un determinado período estendido no tempo.

Todos estes activistas que fun citando, hai moitísimos máis, en España hai xente interesantísima, como Fernando Alonso, defenden o dereito humano a non ser medicados á forza, a non ser privados dos seus dereitos en base unicamente a palabras, á opinión dun médico que tomou unha decisión sobre unha persoa cuxos avatares vitais descoñece coa que conversou algo menos de media hora. Paréceme moito media hora se pensamos no caso galego, tanto na privada como na pública. Olga conta que antes de ser diagnosticada con esquizofrenia traballaba como enfermeira en neuroloxía e posteriormente pasou a traballar en psiquiatría. Cando a trasladaron a psiquiatría como traballadora de primeiras chamáralle intensamente a atención o feito de que en psiquiatría non se fixesen ningún tipo de probas coma nas outras especialidades. Un doutor non estigmatiza a unha persoa con esquizofrenia ou bipolaridade porque algo nun TAC que se poida detectar visualmente llo indique ou os resultados dunha análise de sangue. Olga afirma con rotundidade que a psiquiatría carece de fundamento científico algún; ela como moitos tardou en darse conta, deuse de conta cando se encontrou no lugar do paciente, indefensa, sen voz; en ningunha outra especialidade médica é posible diagnosticar unha paciente sen que o corrobore algún tipo de proba médica. De feito, Will Hall sinala que as análises dos niveis de litio, unha das poucas probas médicas que se realizan en psiquiatría, fanse porque o litio é altamente tóxico e daniño (acorta la vida arredor dunha vintena de anos). De aí a necesidade de controlar os niveis de litio. Tamén se controlan ese niveis por toda a diversa lexislación que existe en diferentes países occidentais que establece como legal a medicación forzada sen ter en conta os efectos daniños no paciente, ó que se lle retira toda capacidade de decisión. Que incluso chega a depositar todo tipo de decisións en familiares que non sempre, mal ou ben intencionadamente, toman as mellores decisións. Intoxicados por toda a desinformación e mitos existentes arredor da psiquiatría. Un supervivente psiquiátrico comenta nun documental no que participa Will Hall que o psiquiatra mandou a policía á súa casa buscalo despois que lle comunicase que non quería seguir tomando a medicación. En EEUU poden mandar a policía á túa casa. En que outra disciplina médica os doentes temen os seus médicos a ese nivel? E en España, non sei, o noso problema é que pensamos que moitas cousas xa non se fan. Medicación forzosa, encerros forzosos, electroshock—persoalmente sorprendeume que esta última práctica aínda siga sendo unha práctica legal aquí—restricións mecánicas, indefensión (a palabra do médico—hai médicos drogadictos, hai médicos que maltratan as súas mulleres, hai médicos corruptos—vale máis ca dun xuíz ou a dun policía): si, en España. Peter Breggin define a práctica do electroshock como violencia específica contra a muller pois o seu principal albo en EE.UU. na actualidade son mulleres maiores de 65 anos (paga Medicare, paga o Estado); en moitas ocasións os maridos están no allo, buscan mulleres máis submisas, agochar infidelidades. O electroshock busca dana-lo lóbulo frontal. Perda de memoria, apatía, dano irreversible como fin. Non busca outra cousa. De tal modo, temos a lobectomía cirúrxica, a lobectomía química (drogas), e a lobectomía por electricidade.

Persoas maiores de idade poden ve-la súa capacidade de obrar xudicialmente modificada e existe o risco de que a súa capacidade de obrar pase a estar nas mans de familiares que as maltratan, violencia sexual ou non sexual, privación de liberdade. Tamén existe en España o risco das denuncias falsas: un familiar (poñamos, un familiar que abuse sexualmente ou sexa fisicamente violento coa paciente) pode poñer unha denuncia falsa afirmando que a agredida ou agredido o tentou agredir, por exemplo. Dá igual que o agresor non teña rastro nin dun pequeno golpe. A persoa será drogada, atada, retida nun andar de psiquiatría, medicada pola forza. Esa persoa ou non ten dereito en principio a un avogado e se o ten non se lle comunica ese dereito— psiquiatrización da xustiza. A alta é dada só trala sinatura dun xuíz que verá a unha persoa drogada (totalmente indefensa e cuxa conducta, aparencia, está artificialmente modificada polas drogas que tomou baixo coacción; non hai maior coacción que o medo a volver ser atada ou o medo a que lle aumenten as doses con medicación que produce en ocasións dor na caixa torácica, terrible angustia) sen a presenza dun avogado e sen  ter que dar conta absolutamente a ninguén. Coa presenza dun forense (que non é un avogado) que mira e xa está. Para que traballar?

Hai moitos anos, cando oía de pasada, nos filmes por exemplo, falar do litio como tratamento imaxinaba que consistiría en tratar de compensar unha deficiencia dunha molécula, corrixir unha especie de anemia. Nunca pensei que se tratase dun veleno incapacitante. É posible que eu o pense porque eu oíse a algunha persoa contar que esa é a explicación que o doutor lle deu. Como se lle podería facer algo así a alguén? Pero de que nos sorprendemos: déronlle o premio nobel de medicina a un neurocirurxián portugués chamado A. Egas Moniz (1874-1955) en 1949, pola súa demente creación: a lobectomía. Segundo o psiquiatra disidente Peter Breggin, o electroshock, a medicación, ten a mesma función que a lobectomía. Inducir apatía. Que o paciente non moleste. Olga (danesa), Will (EE.UU.), Jacqui Dillon (R.U.), John Read (R.U.), Robert Whitaker (EE.UU.), Fernando Alonso (España) forman parte dun gran movemento mundial que reivindica a capacidade para sentir voces como algo natural; en realidade, van máis alá, defínena como unha calidade e non unha doenza nin un síntoma. En Chile o movemento Libre-Mente, no seu emocionante manifesto No es lo mismo ser loco que loca, sinala as violencias que sofren as mulleres como orixe do seu sufrimento psíquico e reivindica que certas manifestacións consideradas como síntomas son en realidade mecanismos de defensa que protexen as mentes das mulleres e da infancia en situacións de sufrimento extremo nun contexto de violencia heteropatriarcal.

Con todo, cómpre sinalar que nin sequera na psiquiatría tradicional a capacidade para sentir voces é condición sine qua non para cumpri-los parámetros da etiqueta de ‘esquizofrenia’. Hai moitas formas de realiza-lo diagnóstico e todas son bastante absurdas, como explica John Read (hai moitas diferencias entre uns e outros sistemas diagnósticos, teñen unha base científica nula, hai moita diferencia entre uns pacientes e outros; encontramos pacientes diagnosticados con esquizofrenia que non teñen nada en común ou métodos que diagnosticarían a 200 persoas fronte a métodos que diagnosticarían soamente a 10 dese mesmo grupo de persoas). Nun blog ‘Desde el manicomio’ nun artigo cuxo contido é bastante discutible encontrei a seguinte frase:

“La esquizofrenia es una enfermedad proteiforme, eso no se discute”.

Chama a atención o adxectivo ‘proteiforme’. E que significa? Pois significa que ‘vai cambiando de forma’ segundo a RAE. É dicir, podemos afirmar con bastante certeza que, por algunha razón, os psiquiatras adoran e aférranse á palabra ‘esquizofrenia’ dunha forma un tanto fundamentalista (eu apostaría que tanta paixón polo termo se debe á súa sonoridade terrorífica, potentemente estigmatizante) e moitos resístense a admitir que, se ben a palabra se mantivo, as características que se lle atribúen foron cambiando ó longo da historia tanto que a evolución das características da suposta doenza dá unha imaxe certamente pouco seria tal suposta especialidade médica na súa globalidade.

Aprender a recoñece-las voces como voces é un primeiro paso pois moitos pacientes reaccionan con terror a primeira vez que as senten. E algúns supostos brotes son en realidade reacciones de pánico ante una experiencia que non entenden. Outros supostos brotes poden ser reaccións de pánico precisamente porque por primeira vez senten voces que os aterran: voces malvadas, terroríficas, negativas. Olga Runciman propón como parte do proceso curador, de aceptación persoal, de reconexión social, identificalas con nomes, que dalgunha maneira describan as diferentes personalidades das diferentes voces. Por exemplo, ela que cre carecer dun sentido do humor enxeñoso, oía una voz que facía observacións moi graciosas que lle provocaban risa. Evidentemente ninguén lle preguntou en algún momento na planta de psiquiatría onde estivo encarcerada inicialmente sete meses por que ría. A paciente que se ri soa é vista polo persoal do hospital, polos doutores, como alguén que ten o cerebro roto. Como alguén que non é  normal. E o non “normal” é visto como algo negativo. A esa voz, púxolle un adxectivo—supoñemos en danés, Olga fala así mesmo moi ben en español e en inglés— cuxo significado sería semellante ó termo joker en inglés (aquel que fai chistes, observacións graciosas).

O diagnóstico de esquizofrenia é un diagnóstico de cero esperanza, a medicación é extremadamente incapacitante en moitos casos. En función do paciente, do país, do doutor que lle toque. Á inmensa maioría dos profesionais non lles interesa nada se os pacientes sofren terribles efectos perniciosos. Moitos psiquiatras tapan metaforicamente os oídos dunha forma un tanto sospeitosa, aparentemente intencionada, non vaia ser que se interpoñan no camiño do lucro delincuente da industria. De todas formas, os pacientes aprenden axiña a calar por medo a que lles aumenten as doses. Breggin denunciou recentemente publicamente a existencia dun plan en EEUU para implantar chips para controlar que os pacientes toman a medicación. De tolos. Pero eles.

Olga fala de sentirse completamente incapaz de facer unha cunca de té baixo medicación e moito menos de ler un libro. Traballar, relacionarse coas persoas. Manter unha conversación (problemas de memoria, lentitude cognitiva). A Olga en Dinamarca o seu psiquiatra dicíalle que falar cun psicólogo empeoraría o seu estado mental (?). Olga denuncia a existencia de leis nos diferentes países que protexen ós agresores e que permiten que os pacientes sexan agredidos. A loita polos dereitos das persoas diagnosticadas (etiquetadas, estigmatizadas) con “trastornos mentais” é a última batalla polos dereitos civís, polos dereitos humanos. O mito da perigosidade non é soamente falso e profundamente estigmatizante senón que serve de piar sobre o que se apoia e que xustifica a existencia de lexislación que permite violacións de dereitos humanos en países presuntamente democráticos. Francia, Dinamarca, Estados Unidos, España, Chile, Arxentina.

Entrevoces organizou en 2015 en Alcalá de Henares o sétimo congreso mundial de Intervoice. Participaron nel máis de 400 persoas providas de 27 países. De España, interveu Fernando Alonso. O silencio dos medios, sen dúbida ideolóxico.

O exhaustivo traballo de argumentación dos antipsiquiatras contrasta co baturrismo de tantísimos psiquiatras (aqueles que xa teñen unha idade, educados no franquismo— xunto con moita xente nova sen criterio que absorbe todo ese lixo ideolóxico coma parvos e idealizan os seus mestres—coa cabeza chea de propaganda franquista, non ciencia, herdeira da psiquiatría nazi, traída a España polo todo poderoso psicópata psiquiatra franquista Vallejo Nájera a quen Franco co seu caudillísimo dedo lle concedeu unha cátedra polas relacións de amizade entre as familias de Nájera e Polo) que miran con desprezo, noxo, os seus pacientes e que receitan ó azar reproducindo ideas saídas da boca dalgún comercial farmacéutico deses que pasan de vez en cando polas súas consultas a ofrecerlles un cruceiro a baixo prezo como premio pola súa submisión ó mercado.

É moi perigoso para a vida das persoas ter un diagnóstico psiquiátrico en España e non só en España.

Repito, Whitaker non acusa ós psiquiatras moleculares (precursores) máis destacados de mentir, porque de feito na literatura médica non menten, senón de calar ante a falta absoluta de fundamento e rigor científico co que se conduce a industria farmacéutica á hora de producir e comercializar medicamentos que poñen en perigo a vida e o benestar das persoas.

A antipsiquiatría non nega o sufrimento psíquico, non nega as experiencias psicóticas, senón que trata de encontrar respostas na experiencia persoal das persoas, a orixe desa dor, e busca desenvolver estratexias que permitan a esas persoas recupera-las súas vidas. Céntrase en denunciar prácticas que atentan contra os dereitos humanos, argumentar en  contra das prácticas da psiquiatría cos propios argumentos da psiquiatría (Whitaker), buscar soluciones para aqueles que están dentro do sistema para que poidan saír con seguridade. Como ben explica Will Hall as persoas xa están deixando de toma-la medicación; polo tanto é importante que a deixen en condicións de seguridade. A psicose forma parte do conxunto de efectos posibles que conforman o síndrome de abstinencia das drogas psiquiátricas. É importante que a opinión pública coñeza a dimensión dos efectos perniciosos da medicación.

Non podemos permitir que se mate en vida ás persoas. E que se continúe violando sistematicamente e, algunhas ou moitas veces inconscientemente e sen mala fe, os dereitos humanos das persoas. No noso país e noutros países. O negocio millonario, un dos nosos maiores obstáculos.

 

Iria Rodríguez

Nací en 1980, soy licenciada en Traducción e Interpretación por la Universidad de Vigo (un desastre formativo) y en Literatura Lenguas y Civilización Estranjera por la Universidad Blaise Pascal (pública y francesa). Profesora de clases particulares. Sólo traduzco literatura. Podemita hasta la médula. La traducción de la Peste de Albert Camus a gallego es mi primer gran proyecto (60 % realizado), en stand-by por mis problemas de salud. Con endeometriosis y un tumor (probablemente benigno) de 8 cm en mi ovario derecho. Activista por la ilegalización de los antidepresivos y endurecimiento del control de las benzodiacepinas. Activista por la democratización del aprendizaje musical, luchando porque el ballet y la capoeira ocupen un espacio similar al que ocupa el fútbol ahora en Galicia sin despreciarlo. Enamorada de un hombre lobo, feminista, nacionalista y madrastra.

Comentar noticia

Your email address will not be published.