O xoves conmemorarase en Vigo os 30 anos de CineGalicia

Publicado por o día 20/11/2019 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

O xoves conmemorarase en Vigo os 30 anos de CineGalicia

Neste mes de novembro de 2019 estamos a conmemorar os trinta anos da mostra CineGalicia. Trinta anos desde aqueles 23, 24 e 25 de novembro de 1989 nos que o cine Fraga, tristemente hoxe pechado, foi testigo excepcional da estrea de tres longametraxes galegas: Sempre Xonxa, Continental e Urxa.

Cinegalicia e o Fraga foron, durante tres días, un gran plató de cine que converteu a cidade de Vigo na capital galega do audiovisual, o cerne dunha maravillosa etapa da que, a día de hoxe, estamos a recoller os froitos con novos directores e directoras como Oliver Laxe, Diana Toucedo, Eloy Enciso, Lois Patiño,  Alfonso Zarauza,  Alvaro Gago, Anxos Fazáns e outros moitos que están a levar o cine feito en Galicia a un importante nivel internacional.

Treinta anos despois o Ateneo Atlántico quere render unha homenaxe ás persoas que loitaron por conseguir que aquelas tres longametraxes marcases o inicio dunha fermosa historia. Neste acto conmemorativo que hoxe organizamos contamos con autores e executores que nos falarán da milagre Continental, Sempre Xonxa e Urxa, un representante de cada unha das tres películas que viron a luz naquelas históricas xornadas; procuramos dar a palabra a tres dos piares básicos de calquera película: a produción, a dirección e a interpretación.
O acto desenvolverase no salón de actos do Marco (rúa do Príncipe 54), ás 19.30 horas do xoves 21 de novembro.
  • Uxía Blanco, protagonista de Sempre Xonxa.
    • Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro, é un filme sobre as consecuencias emocionais da emigración. Dous nenos, Pancho e Birutas que viven placidamente na mesma aldea están platonicamente namorados de Xonxa. Pero un dos rapaces, O Birutas, ten que emigrar deixando a Xonxa e a Pancho na aldea. Cando O Birutas regresa da emigración, convertido nun home rico, Xonxa xa está casada con Pancho. O guión estrutúrase en catro momentos que van desde 1946 a 1986, e estrutúrase en catro episodios vinculado cada un unha estación do ano co período correspondente da vida dos protagonistas, sendo o verán e o inverno os que traen a debastación da emigración. Xunto á nosa invitada, Uxía Blanco (Xonxa, papel que a colocaría como a máis importante actriz do nacente panorama audiovisual galego), atopamos a Miguel Ínsua (Birutas), Xavier R. Lourido (Pancho) e actuacións estelares como as de Roberto Vidal Bolaño (mestre da vila), Aurora Redondo, Loles León ou o fotógrafo Manuel Ferrol que se interpretou a si mesmo (personaxe co que Piñeiro quixo facer toda unha homenaxe aos fotógrafos populares que retrataron a Galicia emigrante).
  • Pancho Casal, produtor de Continental.
    • Continental, de Xavier Villaverde, con Pancho Casal como produtor, trasládanos a mediados do século XX, momento en que dúas faccións mafiosas se disputan a sala Continental, un bar-prostíbulo sito nunha zona portuaria. Os líderes das dúas bandas estiveran no pasado ás ordes do mesmo capo, Gonçalves, a quen deran morte na procura de poder. Mais, anos despois, a sombra do xefe morto segue proxectándose como unha maldición sobre os seus dous discípulos.  Continental, película pola que Xavier Villaverde foi nominado a Mellor director novel, contou coa interpretación dun elenco de actores excepcional: Eusebio Poncela, Marisa Paredes, Féodor Atkine, Héctor Alterio, Jorge Sanz, Cristina Marcos, Fernando Guillén, Lola Baldrich, Nancho Novo, Alberto Alonso, Antón Reixa, Will Mor, etc.
  • Alfredo García Pinal, director de Urxa.
    • Urxa conta tres momentos da vida dunha muller na sociedade galega de principios, mediados e finais do século XX. O seu rol máxico está vinculado ao entorno social e á naturaleza, da que é preservadora e medium. Alfredo García Pinal, que xunto a Carlos Piñeiro fixo tamén guión, dirixiu nesta película a actores da talla de Luma Gómez, Alfonso Valenzuela, Laura Ponte, Raquel Lagares, Vicente Montoto, Lois Lemos, Pancho Martínez, Miguel de Lira, Manolo Bouzón, María Bouzas, Blanca Cendán, Ernesto Chao, Antonio Lagares, Manuel Lourenzo, Fely Manzano, Miguel Perna, etc.
  • Acompañaranos o crítico de cine de La Voz de Galicia, Miguel Anxo Fernández.
    • Licenciado en Xeografía e Historia e doutor en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, actualmente é profesor de Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, da Universidade de Vigo. Compaxina o seu labor de profesor coa autoría de numerosas obras de historia do cine galego e de ficción, así como ensaios e colaboracións en numerosas publicacións, exercendo de crítico de cine e televisión diariamente en La Voz de Galicia.
Celebrando os 30 anos de CineGalicia
Xoves, 21 novembro · 19:30h
Salón de Actos do MARCO · r/ Príncipe 54

Fotos Fraga

Cartaces

Comentar noticia

Your email address will not be published.