O xulgado do Contencioso Administrativo anula o requisito de empadroamento para ter acceso á PassVigo

O alcalde atribúe a anulación do empadroamento como requisito na tarxeta de bus a unha “lei antiVigo de Feijóo”
Publicado por o día 06/02/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O xulgado do Contencioso Administrativo anula o requisito de empadroamento para ter acceso á PassVigo

Nunha rolda de prensa, o rexedor referiuse á sentenza do xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo, que declara contraria a dereito a esixencia de estar empadroado na cidade para poder obter esa tarxeta de bonificación de transporte (actualmente a tarxeta pódese usar tamén para outros servizos). Abel Caballero, atribuíu este xoves a anulación xudicial do empadroamento como requisito para obter a tarxeta PassVigo (que permite a bonificación de billete no bus urbano) a unha “lei antiVigo” elaborada polo goberno de Feijóo para “atacar” á cidade.

Segundo Abel Caballero, o xuíz estimou o recurso interposto polo Concello de Redondela en 2018 “porque o di esa lei, 2/2017, que só se aplica en Vigo”. “É unha lei que obriga a Vigo a pagar os buses ás persoas de fóra (…), en contra da nosa vontade”, proclamou o rexedor, quen engadiu que esa norma tamén é contraria “á autonomía local”.

“Isto forma parte do matonismo político de Feijóo en contra da cidade, pero responderémoslle nas eleccións”, proclamou o alcalde, quen insistiu en que a lei 2/2017 foi feita “só para ésto” e “non se aplica noutros lugares de Galicia”.

“POPULISMO SEN LÍMITES”

Pola súa banda, a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, advertiu de que a sentenza “é clara e contundente” e di que “é ilegal” impedir aos usuarios non empadroados obter esta tarxeta de bonificación para o bus urbano. “Se a xustiza dálle a razón é, por suposto, grazas a el; pero se lla quita, como é o caso, é por culpa de Feijóo”, ironizou.

Porro sinalou que “non son Feijóo nin a Xunta os que discriminan a Vigo, senón que é o alcalde o que tenta discriminar aos cidadáns, e a xustiza non llo permite, está a pararlle os pés”. “Unha vez máis está a entrar en paranoia (…), temos un alcalde que non quere cumprir a lei e manipula sen cesar, con fins electorais ou dun victimismo inventado”, aseverou.

A delegada da Xunta, quen denunciou que Abel Caballero “despreza a independencia xudicial mostrando a cara máis antidemocrática e ditatorial do personaxe”, censurou o “populismo sen límites” do rexedor, que leva aos vigueses “a un precipicio”. “Debemos recuperar o sentimento de cidade aberta e acolledora, como sempre foi Vigo, e non sometida aos caprichos dun alcalde irresponsable”, proclamou.