O xulgado do Mercantil de Vigo emite decreto de admisión do preconcurso de acredores do estaleiro Barreras

Publicado por o día 07/10/2019 na sección de Galicia,Naval,Vigo

O xulgado do Mercantil de Vigo emite decreto de admisión do preconcurso de acredores do estaleiro Barreras

A letrada do Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou este luns un decreto no que informa o estaleiro Hijos de J.Barreras da admisión do preconcurso de acredores, segundo informaron fontes do TSXG.

Trátase dun mero trámite, que se fai poucos días despois de que o estaleiro presentase neste xulgado a solicitude do preconcurso. Unha vez formalizada esa solicitude, a empresa dispón de catro meses para negociar a súa débeda e chegar a un acordo cos seus acredores ou, no caso de que non o alcance, entrar en concurso de acredores.

A solicitude de preconcurso permite ao estaleiro gañar tempo para negociar a súa débeda e, ao mesmo tempo, ‘protexerse’ dun concurso forzoso, que implicaría o nomeamento dun administrador, e ao que podería instar algún dos seus acredores.

Mentres tanto, traballadores do estaleiro, da industria auxiliar e a propia Xunta mantéñense á expectativa sobre o posible cambio na propiedade de Barreras que, de momento, está maioritariamente en mans de PMI (filial da petroleira mexicana PEMEX), cun 51 por cento das accións.

Todo apunta a que o fondo Oaktree (principal investidor de Ritz Carlton The Yatch Collection) farase coa maioría de accións de Barreras e, de feito, varios representes deste fondo levan días ‘ auditando’ a empresa.

Neste escenario, Barreras ten varios contratos en carteira (por valor de máis de 800 millóns) e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, volveu a insistir este luns en que “hai que ser prudentes” e esperar a que o propio estaleiro expor as súas “alternativas” para completar os encargos que ten pendentes.

A ese respecto, Conde incidiu en que a implicación da Xunta no futuro do estaleiro está condicionada a que haxa un proxecto “viable” e a que se dea unha “solución integral”, que inclúa rematar a carga de traballo no estaleiro e tamén os traballos da industria auxiliar.

Por outra banda, unha trintena de empresas desa industria auxiliar ha constituído unha plataforma e pediu reunirse con representantes da Xunta, de Pymar e do propio estaleiro. Estas empresas condicionaron a súa volta ao traballo en Barreras a ter garantías de que van cobrar.

Comentar noticia

Your email address will not be published.