O xulgado ratifica a imparcialidade nas adxudicacións das subvencións do plan Deporemse e desestima un recurso contencioso do Concello de Rodeiro

Carlos Font: “Esta sentenza é un recoñecemento expreso á tramitación imparcial, e sen mirar a cor política dos municipios, que é marca da casa nesta Deputación; xa podían tomar nota outras Administracións que outorgan subvencións e convenios a dedo”
Publicado por o día 16/08/2020 na sección de Deputación de Pontevedra

O xulgado ratifica a imparcialidade nas adxudicacións das subvencións do plan Deporemse e desestima un recurso contencioso do Concello de Rodeiro

A Deputación de Pontevedra vén de obter un claro recoñecemento á imparcialidade na tramitación das subvencións do Plan DepoRemse, convocado no ano 2018, coa sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra, que desestima o recurso presentado polo Concello de Rodeiro contra a exclusión do seu proxecto para a mellora da seguridade viaria nunha rúa deste municipio. A sentenza, que pode ser apelada diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, impón a Rodeiro as costas xudiciais.

A xuíza, a petición do Concello de Rodeiro, designou un perito xudicial ao que encargou a supervisión dos expedientes dos 31 proxectos seleccionados para determinar se se tiñan producido discriminacións con respecto á proposta de Rodeiro. No seu escrito de demanda, o Concello mesmo citaba a media ducia de concellos que, ao seu xuízo, tiñan accedido ás subvencións, a pesar de ter presentado proxectos de peor calidade. A conclusión pericial é xustamente a contraria. “Ha de concluirse que no parece desacertada la puntuación de la Diputación”. “No existe falta de homogeneidad al valorar los proyectos de los distintos concellos y, en concreto, no parece injusta la puntuación dada al de Rodeiro”, sinala a sentenza. O perito vai máis alá e refire que os 52,92 puntos outorgados a Rodeiro son mesmo inferiores á puntuación doutros proxectos que quedaron sen subvención, ao tratarse dunha convocatoria con contía limitada.

A resolución xudicial tamén deixa claro que Rodeiro non presentou os informes sectoriais da Xunta de Galicia necesarios dentro do prazo establecido nas bases do DepoRemse e, aínda que alegou telos solicitado xa entrado no período de subsanación concedido pola Deputación “ni siquiera consta que ese documento de solicitud firmado por el alcalde el 4 de septiembre de 2018

se hubiera remitido realmente a la Administración de destino, pues no hay justificación o prueba, sello o registro alguno, ni certificación que así lo justifique”, recalca a xuíza.

A sentenza tamén inclúe as declaracións de técnicos provinciais, que acreditaron que o DepoRemse, de acordo coas bases, outorgouse en réxime de concorrencia competitiva e que ese é o procedemento que segue a nova Deputación de Pontevedra, aínda que “antes”, en alusión ao período anterior ao ano 2015, “as subvencións se repartían libremente”.

Á vista desta resolución xudicial o deputado Carlos López Font, e voceiro indicou que “a sentenza é un recoñecemento expreso á tramitación transparente, e sen mirar a cor política dos municipios, que é marca da casa nesta Deputación; xa podían tomar nota outras Administracións que outorgan, en pleno século XXI, subvencións escuras e convenios a dedo a concellos da súa mesma cor política”.

López Font afirmou que a Deputación de Pontevedra é hoxe unha referencia de municipalismo porque creou o Plan Concellos, que reparte un terzo do Orzamento total da Deputación entre os municipios con criterios obxectivos, e porque atende a tódolos alcaldes e alcaldesas por igual “ata o punto que ninguén, mesmo os do PP, quere volver aos tempos de Louzán”. Ademais, cando a Deputación convoca plans extraordinarios como o DepoRemse ou o Plan de Reequilibrio mantén esa mesma imparcialidade, “tal e como acaba de ser recoñecido de maneira contundente en sede xudicial”.

O Plan DepoRemse , para a mellora da seguridade viaria en espazos municipais, foi convocado pola Deputación en 2018 e outorgou subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a 31 concellos en base ás puntuacións outorgadas polos técnicos provinciais aos proxectos presentados. O importe total asignado foi de 11 millóns de euros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.