O XXV Campionato de España Open de Inverno Natación Máster reunirá a 1.173 deportistas

Os máis veteranos: un nadador de 93 anos e unha nadadora de 91
Publicado por o día 04/02/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

O XXV Campionato de España Open de Inverno Natación Máster reunirá a 1.173 deportistas

Pontevedra acollerá do 7 ao 10 de febreiro o XXV Campionato de España Open de Inverno Natación Máster, un novo exemplo de colaboración entre administracións, clubs e entidades que fan da cidade tamén un referente como organizadora de eventos deportivos.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores presentou hoxe o campionato xunto co presidente da Federación Española de Natación- RFEN, Fernando Carpena; os representantes da Xunta, Daniel Benavides; da Deputación Provincial, Chelo Besada; da Federación Galega de Natación, Belén Álvarez e Jesús Telleriz; Amparo Porta, presidenta del Club Galaico, co-organizador local e Héctor Vilariño, da Fundación Rías do Sur, xestora das piscinas de Pontemuíños onde terá lugar o campionato.

Un total de 1.173 nadadores e nadadoras participan neste open de inverno, catro días de probas ininterrompidas nas que atletas de até máis de 90 anos saltarán á piscina e amosarán que a natación non ten idade. Os inscritos máis veteranos son un home de 93 anos e unha muller de 91.

Haberá deportistas chegados de todas as comunidades autónomas. As que máis aportan son Madrid, 333; Valencia, 120 e Galicia, 107. Ademais o evento contará con nadadores rusos e belgas.

“Pódense facer cousas porque somos capaces de coordinarnos (instalacións, capacidade de xestión, voluntariado, cartos…), porque hai boa conexión entre os responsables políticos das disintas administracións” subliñou o alcalde.

A natación másters suma á competición unha vertente máis lúdica -de “turismo deportivo”- o que engade tamén un impacto económico significativo na cidade. Nesta liña, o presidente da RFEN sinalou que aproveitarán este e futuros eventos deportivos para pasar unha enquisa entre os participantes e coñecer o “feedback” exacto das citas.

“Agardamos que o campionato sexa un éxito deportivo, que deixe unha boa pegada” sinalou Miguel Fernández Lores e que “os participantes sexan despois prescritores de Pontevedra e da provincia” engadiu o alcalde.