A obra de Martin Codax e o Pergamiño Vindel baixo a lupa dunha ducia de expertos mundiais

As sesións están organizadas polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo
Por o 01/11/2017 | Sección: Cultura,Universidade de Vigo
A obra de Martin Codax e o Pergamiño Vindel baixo a lupa dunha ducia de expertos mundiais

Cunha conferencia inaugural titulada Martin Codax y la poesía de su tiempo a cargo do docente e investigador da Sapienza Universidade de Roma Vicenç Beltran Pepió, comezará o vindeiro 23 de novembro o simposio internacional E irei madr’a Vigo. A cita académica, organizada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo co gallo da presenza do Pergamiño Vindel en Vigo, reunirá durante dous días na cidade, a expertas e expertos procedentes de varios puntos do planeta, “ás voces máis autorizadas sobre o pergamiño, Martin Codax e a poesía profana medieval galega”, asegura Xosé- Henrique Costas, que integra, xunto a Camiño Noia, Bieito Arias e Alexandre Rodríguez, o comité organizador do simposio, que se desenvolverá no auditorio do edificio Cambón, no casco vello de Vigo.

O ex presidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero, será o encargado de ofrecer o venres 24 de novembro a conferencia Historia da recepción en Galicia do Pergamiño Vindel coa que se clausurará o simposio, que patrocina a Deputación de Pontevedra e co que colabora o Centro de visitantes Cambón da Xunta de Galicia. A entrada ao simposio é libre ata completar a capacidade do auditorio e ademais quen asista regularmente ás sesións recibirá un certificado acreditativo.

Os xoves do Vindel volven o 16 de novembro

Tamén coa organización do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, o vindeiro 16 de novembro continuará a desenvolverse o ciclo de conferencias Os xoves do Vindel. Tralo aprazamento do relatorio previsto para este xoves 2 de novembro, que previsiblemente se reprogramará en febreiro de 2018, as conferencias reanudaranse o día 16 de novembro coa intervención de Ceferino de Blas, cronista oficial da cidade de Vigo, que ofrecerá un relatorio titulado Prensa, sociedad gallega y Martin Codax. ¿Cómo divulgaron los periódicos la figura del trovador y sus cantigas? e xa o 14 de decembro, o musicólogo Paulo Gonçalves falará de A música dos trobadores.

A actividade regresará en 2018, o 25 e xaneiro, con As cantigas de amigo no taboleiro da lírica medieval europea a cargo da docente da Universidade de Santiago Pilar Lorenzo Gradín e continuará o 8 de febreiro co tamén docente da USC Ramón Mariño Paz, que falará sobre Literatura en galego e mecenado na Idade Media. “Alén de magníficos investigadores, entre os conferenciantes convidados hai moi bos comunicadores: quen se sinta atraído por coñecer mellor unha época esplendorosa da nosa cultura, do noso pasado, non quedará defraudado”, asegura Alexandre Rodríguez, integrante do comité organizador do simposio e do ciclo de conferencias.

Noticias de última hora en Vigo