O Obradoiro de Emprego “Mos Rehabilita” traballa a pleno rendemento na recuperación de fontes e lavadoiros

Únese ao plan municipal iniciado en agosto e prevese que os alumnos-traballadores realicen 39 actuacións ata o 10 de xullo
Publicado por o día 27/01/2018 na sección de Galicia,Mos

O Obradoiro de Emprego “Mos Rehabilita” traballa a pleno rendemento na recuperación de fontes e lavadoiros

O Concello de Mos iniciou o pasado mes de agosto un plan integral de posta en valor de fontes e lavadoiros. “Os traballos a realizar dentro de dito plan inclúen labores de limpeza e reparación destes elementos patrimoniais tan abundantes e prezados pola veciñanza mosense”, segundo explica a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.

Neste sentido o Obradoiro de Emprego “Mos Rehabilita” que se atopa en marcha no Concello sumouse a este plan integral no que está a traballar arduamente.

Os 20 alumnos-traballadores do Obradoiro, que comezou o pasado 11 de outubro, levan traballando dende principios do mes de decembro no plan integral municipal de posta en valor de fontes e lavadoiros. Dende entón xa rehabilitaron un total de 4 lavadoiros que esta mañá foron visitados pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto co concelleiro de Promoción Económica, Emprego e Novas Tecnoloxías, Óscar Soto, o tenente alcalde mosense, Alberto Méndez, e o director do Obradoiro de Emprego “Mos Rehabilita”, Adolfo Martínez Latorre.

Os lavadoiros xa recuperados e aos que hoxe se realizou a visita son o Lavadoiro da Fonte de Eira Vella en Torroso, o Lavadoiro de Lamela en Tameiga, o Lavadoiro da Fonte de Peinador (onde actualmente se atopan traballando na acometida do solo os alumnos-traballadores do Obradoiro) e o Lavadoiro da Fonte de Sobráns en Guizán, cuxos traballos de rehabilitación comezaron esta mesma semana.

O programa de actuación das fontes e lavadoiros por parte dos membros do Obradoiro inclúe un plan de unificación do deseño das rehabilitacións dos mesmos, buscando un estilo homoxéneo que faga identificables ás construcións mosenses e que, ao mesmo tempo, se diferencien das de outros concellos. Deste xeito proxéctanse para todas as fontes e lavadoiros de Mos o mesmo color de pintura, as mesmas liñas e materiais de acabado, os mesmos solos… etc.

As próximas fontes e lavadoiros que se recuperarán a mans do Obradoiro “Mos Rehabilita” son o Lavadoiro da Fonte do Río en Tameiga, o Lavadoiro do Camiño do Seixo tamén en Tameiga, a Fonte da Mela en Guizán, e o Lavadoiro da Igrexa de Cela. O planning do Obradoiro inclúe un total de 39 actuacións a realizar, entre fontes e lavadoiros, ata o día 10 de xullo, data de remate do mesmo.

“Os traballos avanzan a moi bo ritmo e prevese que a próxima semana, concretamente o vindeiro luns, cambien de ubicación e pasen a iniciar a instalación da cuberta do edificio do departamento municipal de Vías e Obras, que era outra das prioridades fundamentais deste Obradoiro de Emprego, xunto co plan integral de fontes e lavadoiros”, informou hoxe a rexedora local. Ademais da cuberta, fabricarán e instalarán diversos elementos metálicos no interior das dependencias, tales coma barandillas, etc.

Para a realización deste Obradoiro a consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia concedeulle ao Concello de Mos unha subvención de 279.959,00 euros.

O Obradoiro de Emprego “Mos Rehabilita” está integrado por 5 membros do equipo directivo/docente, 12 alumnos-traballadores da especialidade construcción con novos materiais (dos cales 2 son mulleres) e 8 alumnos-traballadores da especialidade fabricación mecánica/soldadura (na que hai 1 muller), resultando un total de 20 alumnos-traballadores e 25 integrantes incluíndo ao director e ao profesorado.

Durante os nove meses de duración do Obradoiro, que comezou o pasado 11 de outubro e rematará o 10 de xullo deste ano, realizaranse obras e servizos de acabados de construción con novos materiais e fabricación mecánica.

Pola súa banda, a maiores dos traballos realizados polo Obradoiro, operarios municipais levan actuado nun total de 10 fontes que foron adecentadas dende mediados de agosto. 2 destas fontes atópanse ubicadas na parroquia de Guizán e trátase da Fonte do Parque das Lagoas e da Fonte da Mela, outras 2 están en Cela e son a Fonte de Lagoa-Cabanelas e a Fonte de Balada-Sequeiros; e por outra banda 3 das fontes xa optimizadas atópanse na parroquia de Pereiras, 1 en Louredo, 1 en Torroso e 1 en Tameiga (a Fonte da Fontarvela). Ademais a empresa concesionaria do servizo municipal de mantemento de parques e xardíns realiza rondas de repaso de todas as fontes e lavadorios inventariados da localidade mosense para comprobar o estado dos mesmos, proceder á súa limpeza e/ou reparación en todos aqueles casos nos que sexa necesario.

Mos é un municipio que se caracteriza pola súa relación coa auga e o gran patrimonio relacionado co líquido elemento que alberga dentro das súas fronteiras. En total o Concello conta con preto de 150 elementos relacionados cos recursos hídricos mosenses inventariados e que se distribúen entre fontes, pontes, muíños, lavadoiros, canles, parques, pías, etc.

En total existen no municipio 145 elementos relacionados cos recursos hídricos mosenses: 58 muíños, 65 fontes, 8 lavadoiros, 5 pontes, 3 parques (nos que existen recursos hídricos, por suposto en Mos hai moitos máis parques), 1 muíño de man romano na parroquia de Guizán, unha canle granítica da chan de Mos e verea tradicional en Louredo, unhas pías, as Pías de San Pedro en Cela;  e outros achados.

Dos 58 muíños 7 atópanse na parroquia de Tameiga, 6 en Sanguiñeda, 5 en Petelos, 7 na parroquia de Mos, 6 en Dornelas, 8 en Cela, 3 en Torroso, 8 en Pereiras, 7 en Louredo e 1 en Guizán.

Das 65 fontes 7 atópanse na parroquia de Tameiga, 9 en Sanguiñeda, 6 en Petelos, 6 na parroquia de Mos, 8 en Dornelas, 15 en Cela, 3 en Torroso, 2 en Pereiras, 2 en Louredo, e 7 en Guizán. Destaca a enorme cantidade de fontes existentes na parroquia de Cela, que case duplica en número á seguinte parroquia en cantidade de fontes que é a de Dornelas.