Obradoiro infantil “Imos facer un mural” en LIBROS PARA SOÑAR

Os murais urbanos de Vigo inspiran o taller infantil que impartirá o artista Ramón Trigo en Libros Para Soñar no mes de Xullo
Por o 21/06/2019 | Sección: Cultura,Eventos,Galicia,Vigo
Obradoiro infantil “Imos facer un mural” en LIBROS PARA SOÑAR

O artista vigués Ramón Trigo vai impartir un obradoiro de ilustración co lema “Imos facer un mural”, dirixido a nenas e nenos a partir de 6 anos. Realizarase en LIBROS PARA SOÑAR os días 10, 11 e 12 de xullo, de 11:00 a 13:00 horas. A partir da súa experiencia na elaboración de murais urbanos de gran formato, Ramón Trigo artellará unha proposta adaptada ao público infantil a través da aplicación de técnicas e materiais asequibles, primando o criterio lúdico e a participación.

O obxectivo do taller é estimular a imaxinación dos máis novos, que se manteñan activos tamén durante as vacacións de verán, e que desenvolvan as súas habilidades na creación de personaxes e historias, ao tempo que as nais e os pais atopan nesta actividade un apoio para poderen conciliar a vida laboral e familiar.

Ademais de autor e ilustrador, Ramón Trigo ten dirixido numerosos obradoiros para público infantil e adulto. De formación autodidacta, iniciou a súa traxectoria artística en xornais e revistas especializadas en banda deseñada. As súas primeiras obras pictóricas datan da década de 1980; dende entón ilustra libros para varias editoriais -algúns incluídos na selección The White Ravens- e realiza exposicións cos seus cadros e esculturas.

Ten presentado a súa obra en países como Alemaña, Bélxica, Lituania, Italia e Portugal. Entre as distincións que recibiu destacan o Premio Arte Xove Galego, os premios de álbum ilustrado infantil Cidade de Alicante e Cabildo de Gran Canaria. Entre os seus libros para público infantil e xuvenil destacan “O pirata Pata de Lata” e “Leviatán”, publicados por KALANDRAKA. Este último gañou o Premio Lazarillo 2012 e o Premio Isaac Díaz Pardo de Ilustración 2015 outorgado pola Asociación Galega de Editores.

Precisamente, a balea que protagoniza “Leviatán” é un dos elementos de temática mariñeira que Ramón Trigo trasladou, en 2016, a unha parede de case 30 metros de lonxitude entre as rúas Marqués de Valladares e Torrecedeira. Non é o único gran mural realizado polo artista vigués, que tamén pintou un muro de lonxitude semellante ao anterior no colexio Monte da Guía, en Teis.

O prazo de inscrición no taller “Imos facer un mural” xa está aberto, con prazas limitadas, e o prezo da actividade é de 30 euros. Durante cada xornada haberá unha pausa para a merenda que leve cada neno ou nena. As familias interesadas poden apuntarse en LIBROS PARA SOÑAR (rúa Triunfo 1, Vigo) por teléfono no número 986 43 37 68 ou por correo electrónico no enderezo lps@kalandraka.com.

Comentar noticia

Your email address will not be published.