Obradoiros Festival Poemaria

O ciclo de obradoiros de achegamento á poesía A poesía non morde, aínda que ás veces debería remata o próximo día 13 de xuño.
Publicado por o día 03/06/2017 na sección de Cultura,Vigo

Obradoiros Festival Poemaria

Despois de tres semanas nas que o público encheu o #salóndomarco para descubrir que A poesía non morde, aínda que ás veces debería, o ciclo de obradoiros de achegamento á poesía organizado polo Festival PoemaRia encara a súa recta final.

O próximo martes 6 xuño, María Lado tratará sobre os poetas galegos contemporáneos que falan do mar, poetas mariñeiros e mariñeiras, tanto de oficio (porque son moitos os poetas contemporáneos que son realmente mariñeiros) como de temática. Será un pequeno percorrido polo mar, especialmente o da Costa da Morte, e as súas ligazóns poéticas doutros tempos e lugares. Tamén analizará a repercusión que o desastre do Prestige tivo na lírica galega, tanto como tema, enfoque ou reivindicación.

A última sesión, 13 de xuño, correrá a cargo de Elvira Ribeiro, co seu segundo obradoiro As poetas non choran, esta vez arredor da poesía universal escrita por mulleres, despois de ter falado da galega na súa anterior intervención. Esta proposta preséntase con vontade de animación á lectura da poesía universal escrita por mulleres, en toda a súa gran variedade. Unha viaxe a diferentes épocas e lugares do mundo á procura das poetas máis fascinantes da historia, porque hai unha poeta a agardar por cada unha de nós.

Os obradoiros son todos de balde e abertos ao público.

Horario: Inicio: de 19:30 a 20:45

Lugar : #Salón do Marco MARCO Museo de Arte Contemporaneo, Principe, 54 Vigo

Contacto: [email protected]