Obras no Pavillón Municipal dos Deportes para dotalo de accesibilidade universal

Os traballos comezan o luns e obrigan a trasladar o Servizo de Deportes ao 4o andar do Teatro Principal mentres duren
Publicado por o día 21/05/2018 na sección de Galicia,Pontevedra

Obras no Pavillón Municipal dos Deportes para dotalo de accesibilidade universal

Regresan as obras ao Pavillón Municipal dos Deportes. O próximo luns, 21 de maio comezarán os traballos do proxecto que resolverá a accesibilidade universal para os espectadores na instalación deportiva máis empregada da cidade. As obras foron adxudicadas á empresa Ediserpo SL por 196.104,03 euros.

A mellora prevista, que afecta tamén á zona de oficinas e ao palco de autoridades, obriga a trasladar o Servizo municipal de Deportes, de xeito provisional, ao 4º andar do edificio do Teatro Principal, onde estará até o remate da obra, que ten un prazo de execución de 4 meses. Pola contra os usuarios poderán seguir utilizando a instalación xa que o pavillón manterá a súa actividade deportiva habitual.

A Concellería de Deportes, dirixida por Anxos Riveiro, subliña que a actuación que comeza realizarase baixo a premisa da mínima intervención co fin de respectar a estrutura e o deseño concibido no seu día polo arquitecto Alejandro de la Sota.

Esta intervención é un chanzo máis na reforma integral que se está a facer nesta infraestrutura após da substitución da cuberta que permitiu recuperar o deseño orixinal e a instalación dunha nova superficie de xogo adaptada as esixencias federativas e dos campionatos internacionais.

O Pavillón Municipal é dunha época na que non se tiña en conta a accesibilidade, a mobilidade universal e a necesidade dunha vida independente, polo tanto hai persoas que hoxe en día non poden empregar esta instalación. Coa intervención prevista darase acceso a todas as persoas ao pavillón, crearanse aseos adaptados para persoas con mobilidade reducida e ostomizadas no soto; vaise a instalar un ascensor; e todos os novos elementos montaranse nunha única peza que se diferencia do resto do edificio polo seu aspecto, dado que será unha caixa de de vidro.

No exterior reordénase todo o espazo central de acceso: suprímese a rampla central de entrada e amplíanse as outras que adaptan a súa pendente ao 8%. Tamén aparece un novo portelo na billeteira adaptado en altura.

No soto crearanse aseos adaptados para baleirado de bolsas intestinais. Na planta baixa accederase ao ascensor e tamén se instalará un aseo adaptado.

Na entre planta é onde se fai a intervención máis importante. Alónganse as escaleiras de acceso ás oficinas. O ascensor sae no ante palco que cambia o chanzo por unha rampla.

No palco hai unha segunda fila de bancos que se poden retirar para usarse con cadeira de rodas e, na primeira fila, tamén retírase un dos asentos para que poida entrar unha cadeira de rodas. Substitúese a varanda frontal por outra de vidro para mellorar a visibilidade e créase un novo aseo adaptado. Tamén se mellora o ante palco que serve de sala de agarda das oficinas do servizo de deportes do Concello.

Finalmente, á planta alta chega o ascensor, alónganse as escaleiras dos palcos e cámbianse das varandas por outras de malla metálica. Péchanse por detrás as bancadas do palco con mamparas corrugábeis. Créase un ante palco con paredes de vidro.