O Choco de Redondela, choco de etiqueta

Publicado por o día 31/01/2021 na sección de Galicia,Redondela

A Confraría de Pescadores de Redondela abre a campaña do seu produto estrela baixo a marca de calidade “Choco de Redondela”.

Son varias as medidas que tomará a Confraría para asegurar a trazabilidade do seu produto, un novo sistema integral de valoración que asegurará unha marca de orixe, calidade e sostibilidade.

Suprimir a poxa, o etiquetado individual, a venda directa en lonxa e unha rede de vendedores autorizados, son as principais accións que levarán adiante a partir deste luns día 1 de febreiro.

O consumidor poderá demandar esta garantía de calidade e orixe cando desexe adquirir o Choco de Redondela.

Existen dous factores que fan único ao “Choco de Redondela”. O seu hábitat, a Enseada de San Simón, é un espazo protexido “Rede Natura 2000”, onde se prioriza a conservación de hábitats naturais e especies de interese comunitario dentro da Comunidade Europea.

Na mesma liña se atopa a dedicación dos pescadores locais e as técnicasartesanais que empregan para a súa captura, defendendo unha pesca sostible e respectuosa co entorno e co medio.

Os chocos viven xeralmente en fondos de area e lodos, con vexetación mariña en zonas próximas á costa. Nesta enseada conflúen augas salgadas e doces, gracias á desembocadura dos ríos Verdugo e Alvedosa, creando un ecosistema único onde atopan as mellores condicións para a súa reprodución e desenvolvemento.

Desde a súa fundación en 1944, a Confraría de Pescadores de Redondela especializouse na pesca deste exquisito molusco cefalópodo, que a partir de agora lucirá acompañado da súa etiqueta, distintivo de calidade.