OCU recupera máis de 170.000 euros para os afectados pola nevada na AP6

A Organización de Consumidores e Usuarios puxo en marcha unha acción xudicial colectiva para que os usuarios que sufriron as consecuencias da nevada nas estradas puidesen recibir unha indemnización polos danos sufridos
Publicado por o día 13/12/2018 na sección de OCU,Social

OCU recupera máis de 170.000 euros para os afectados pola nevada na AP6

Os centos de usuarios que se desprazaban pola AP-6 o pasado día seis de xaneiro e que quedaron atrapados nos seus vehículos por unha forte nevada lograron o seu obxectivo: recibir unha indemnización polos danos sufridos.
 
Tras os incidentes ocorridos este día nalgunhas estradas españolas, OCU puxo en marcha unha acción xudicial colectiva a través da súa páxina web, onde os usuarios puideron inscribirse para que a Organización reclamase no seu nome.
 
Despois de varios meses de negociacións, OCU conseguiu que Iberpistas, a empresa concesionaria das autoestradas AP-6, AP-51 e AP-61, onde quedaron atrapados a maioría dos vehículos, compense aos usuarios.
 
Segundo o acordo, Iberpistas pagará 165 euros en concepto de dano moral a cada afectado, ademais de 22 euros por vehículo, así como o importe dos danos materiais e prexuízos que cada usuario poida acreditar, como a perda dunha viaxe, unha noite de hotel, ou a asistencia a un espectáculo xa contratado.
 
Na práctica, isto supón que un vehículo atrapado con catro persoas recibirá 682 euros en concepto de compensación, e un en que viaxasen dous ocupantes, 352 euros. En total, OCU conseguiu recuperar máis de 170.000 euros para os afectados (988 viaxeiros e 381 vehículos), sen contar os danos materiais e prexuízos que cada un poida acreditar.
 
OCU reitera que seguirá traballando para que se recoñeza dunha maneira formal unha compensación económica para os afectados por incidentes nas autoestradas, do mesmo xeito que ocorre con outros medios de transporte, como o aéreo, así como para que se estableza un réxime sancionador máis estrito en caso de incumprimentos deste tipo.
 
OCU lembra ademais a importancia de reclamar nestes casos, non só para que os damnificados consigan unha indemnización polos danos sufridos, senón para conseguir que esta situación, que xa se produciu noutras ocasións, teña consecuencias para os responsables e non se volva a producir.