Ocupan as obras de Zara da Coruña

Campaña contra a precariedade no sector da construción e reforma de locais comerciais
Por o 14/03/2018 | Sección: CIG,Protestas,Sindicatos
Ocupan as obras de Zara da Coruña

A Federación de Construción e Madeira da CIG desenvolveu este mércores unha nova acción dentro da campaña contra a explotación laboral no sector Contract (construción e reforma de locais comerciais), ocupando as obras da tenda insignia de Zara na Coruña. Durante a ocupación, celebrouse unha asemblea cos traballadores para explicarlles as motivacións desta iniciativa e as medidas que a central sindical está a desenvolver para protexer as súas condicións laborais e os seus dereitos.

Ao tempo, un grupo de delegados/as da Federación realizaba unha concentración diante da tenda en obras e un reparto na rúa de folletos para informar do contido da campaña desenvolta pola central sindical e da situación laboral que padece o persoal deste sector, no que se están a realizar xornadas de 12 a 16 horas diarias, encadéanse viaxes ao estranxeiro de meses, dáse unha fraude millonaria nas horas extraordinarias, non se realizan os descansos adecuados, etc..

A decisión executar hoxe esta acción, explica Mario Maceiras, secretario comarcal da FCM-CIG da Coruña, tomouse para facela coincidir co día no que Inditex presenta os seus orzamentos anuais. Maceiras lembra que o pasado mes de agosto a central entregou a José Manuel Queijero (responsábel de GOA Invest, SL, a construtora e promotora de Inditex) unha plataforma reivindicativa, “que non foi contestada, así como tampouco responderon a todas as novas solicitudes de reunión que lle trasladamos”.

Neste tempo, engade, lonxe de encamiñarse solución aos problemas denunciados pola CIG, “este agraváronse coa incorporación de máis empresas e novos traballadores/as este subsector en condicións de desregulación idénticas ás que viñamos denunciando”. Xunto a isto, dende a FCM denuncian os intentos de impedir a organización sindical dos traballadores/as do sector, impedindo o exercicio dos seus dereitos e liberdades.

A CIG tentará ordenar o sector Contract

A CIG-Construción prevé desenvolver nos seguintes meses unha rolda de contactos coas empresas do sector e con outras entidades relacionadas co mundo do traballo para a articulación e regulación das condicións laborais “do nacente e puxante sector Contract galego, co obxectivo de rematar coa precariedade e a situación de explotación e poñer en valor a un dos subsectores con máis posibilidades de proxección de futuro en Galiza, tanto no eido nacional como internacional”, afirma.

Neste senso, subliña que dende a central sindical “queremos que a oportunidade que xera ter un novo sector moi ben valorado en todo o mundo, se traduzan nun sector creador de emprego de calidade e non de infraempregos”, conclúe.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.