A Oficina de Consumo resolveu o pasado ano 280 expedientes sancionadores e ao redor de 500 arbitraxes na área de Vigo

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, informou do balance das actuacións realizadas polo Instituto Galego de Consumo ao longo do 2017
Por o 13/02/2018 | Sección: Galicia,Vigo,Xunta de Galicia
A Oficina de Consumo resolveu o pasado ano 280 expedientes sancionadores e ao redor de 500 arbitraxes na área de Vigo

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, resolveu o pasado ano 280 expedientes sancionadores e ao redor de 500 arbitraxes na área territorial de Vigo, segundo informou hoxe en rolda de prensa o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.

Desde a oficina de Vigo realizáronse 13.569 inspeccións. A meirande parte delas motivadas na busca de produtos incluídos na rede de alerta da Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición con 12.242 actuacións ao longo do 2017.

O servizo recibiu máis de 4.000 reclamacións e atendeu máis de 9.200 consultas telefónicas e presenciais. En canto aos sectores máis reclamados, López-Chaves salientou que seguen a ser os relacionados coa telefonía e as compañías enerxéticas os que concentran o maior número das queixas, con 1.146 e 471 reclamacións respectivamente. Séguenlles as empresas electrónicas e as dedicadas aos transportes con 398 e 344 incidencias abertas.

De entre os 280 expedientes abertos no 2017 e que supuxeron unha recadación de preto de 550.000 euros en multas, dous foron por infraccións moi graves, 153 graves e 125 de carácter leve.

Neste senso, o delegado recordou que o pasado mes de xuño o Instituto Galego do Consumo e da Competencia multou á empresa responsable do servizo municipal de auga en Vigo cunha sanción de 15.000 euros por non ter activado un teléfono gratuíto de atención ao usuario. Con todo, acentuou que o obxectivo deste servizo non é recadar senón entremediar para que os consumidores vexan atendidas as súas demandas. “A finalidade é obter para eles unha solución a súa queixa”, sinalou.

López-Chaves, quen destacou a intensa actividade deste servizo na área territorial de Vigo, fixo especial fincapé nas reclamacións resoltas pola vía do arbitraxe con 447 laudos emitidos, dos que 289 foron estimados, 132 desestimados e 26 conciliados. A este respecto, lembrou que son 12.331 as empresas e establecementos galegos adheridos ao Sistema de Arbitraxe de Consumo, que ofrece unha solución extraxudicial de resolución de conflitos.

“A empresa é sancionada por unha actuación incorrecta e o consumidor ve como a súa reclamación é atendida e o dano corrixido”, abundou o representante do Goberno autonómico, quen fixo unha férrea defensa sobre o servizo de atención ao consumidor que se ofrece desde o IGCC. “Un servizo que traballa, actúa e resolve, garantindo a protección do consumidor fronte a prácticas irregulares”, concluíu.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.