Oftalmólogos de Lisboa aprenden no Meixoeiro a técnica de láser para cataratas complexas

A tecnoloxía do láser “Femtosegundo” é pioneira en Galicia e proporciona unha gran precisión nas operacións das cataratas que teñen unha gran complexidade
Por o 31/01/2019 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
Oftalmólogos de Lisboa aprenden no Meixoeiro a técnica de láser para cataratas complexas

O Servizo de Oftalmoloxía do Complexo Hospitalario e Universitario de Vigo (CHUVI) recibiu a oito profesionais do Hospital CUF Tejo de Lisboa, aos que mostrou a técnica do láser de última xeración que se emprega no Hospital do Meixoeiro para as operacións de cataratas con patoloxías moi complexas.

Catro facultativos e outras catro enfermeiras especialistas do hospital lisboeta asistiron a 7 intervencións de cataratas que realizou o equipo que dirixe o xefe de servizo de Oftalmoloxía do CHUVI, o doutor Luís Cadarso, mediante o emprego da técnica do láser “Femtosegundo”.

O láser de última xeración “Victus” instalouse no Hospital do Meixoeiro hai pouco máis dun ano. “Neste período obtivéronse uns resultados excelentes, porque nos permite abordar casos moi complexos cunha gran precisión”, apunta o doutor Cadarso. A tecnoloxía do láser “Femtosegundo” é pioneira en Galicia e proporciona unha enorme seguridade para acometer operacións de cataratas con patoloxías moi complexas. A seguridade vén derivada da precisión con que o láser realiza os cortes no tecido ocular, o que provoca que o índice de complicacións mentres dura a intervención baixe considerablemente. Os estudos realizados ata a data indican que as posibles adversidades durante o proceso cirúrxico mediante esta técnica sitúase nun 1%, mentres que con outros procedementos está no 5%.

Un avance moi importante

“Supón un avance moi importante tanto para os cirurxiáns como para os pacientes. É un procedemento indoloro e que se realiza cunha gran axilidade pola precisión que achega”, subliña o doutor Cadarso.

O láser actúa no inicio do proceso cirúrxico, cando hai que incidir sobre o tecido ocular e desfacer a opacidade que presenta o cristalino do ollo, no caso das cataratas. Con posterioridade os cirurxiáns oculares realizan o resto da intervención, pero coa seguridade que lles ofrece o realizar cortes de tecido cunha gran precisión. “Os resultados nos pacientes son excelentes”, explica o xefe de servizo de Oftalmoloxía. O paciente só experimenta, mentres actúa o láser no interior do ollo, unha sensación de leve presión, sen aparición de dor ningunha. “É totalmente indoloro”, di o doutor Cadarso.

No Hospital do Meixoeiro realízanse ao ano preto dun milleiro de operacións de Oftalmoloxía, das que a metade son intervención de cataratas de distinto grao de complexidade. A técnica do láser “Femtosegundo” utilízase só naqueles casos nos que a patoloxía é moi complexa.

Este sistema láser permite abarcar outras moitas intervencións que se fan en oftalmoloxía. De feito, tamén está orientado á realización de transplantes de córnea e implantes de aneis cornais no ollo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.