O Pleno do Concello de Oia aproba o orzamento de 2019 cun incremento dun 13%

Publicado por o día 07/09/2019 na sección de Galicia,Oia

O Pleno do Concello de Oia aproba o orzamento de 2019 cun incremento dun 13%

O Pleno do Concello de Oia aprobou definitivamente este xoves o Orzamento para o ano 2019, cos votos a favor do Partido Popular e os votos en contra dos grupos da oposición, por un importe de 1.683.887,76 euros, o que supón un incremento dun 13% respecto do orzamento prorrogado de 2017, que foi de 1.488.430,53€.

A Alcaldesa explicou que despois da aprobación inicial do Orzamento no primeiro Pleno ordinario celebrado o pasado 26 de xullo, se expuxo ao público durante 15 días hábiles e tras a presentación de alegacións presentadas polos membros integrantes dos grupos da oposición, a Secretaría-Intervención considerou que esas alegacións non procedían. Polo tanto, neste Pleno extraordinario se desestimaron e agora, tal e como recolle a Lei de Facendas Locais, se publicará no Boletín Oficial da Provincia para a súa entrada en vigor.

No orzamento do 2019 respecto do prorrogado de 2017, se incrementaron os gastos destinados a Servizos Sociais de Atención Primaria nun 67%, correspondente principalmente ao incremento de horas de axuda no fogar que permite atender no seu domicilio a cidadáns en situación de dependencia.

Por outra parte, neste Orzamento xa aparecen as novas consignacións anuais dos Contratos de Axuda no Fogar e de Limpeza de edificios públicos, que foron licitados este ano, así como o incremento de coste da recollida e tratamento de lixo, para atender a xestión dos voluminosos e do cartón.

Se contempla no Capítulo de inversión entre outros conceptos a aportación municipal ao IDAE (melloras en iluminación), Plan Marco (mellora de camiños), á Rehabilitación das antigas vivendas dos Mestres de Loureza, á mellora do pavimento do pavillón e ó Paso de auga do Camiño de Xigente.

Mellora servizos de atención ao cidadán adaptándose ás novas tecnoloxías para facelos máis eficientes e ofrecer máis servizos online aos veciños, como é a aplicación Liña Verde (para comunicación de incidencias) ou a aplicación Tokapp, para manter informada á cidadanía.

Comentar noticia

Your email address will not be published.