Oito mortes pola covid-19 suma Galicia, a metade delas en residencias de maiores

Publicado por o día 08/12/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Salud,Sanidad

Oito mortes pola covid-19 suma Galicia, a metade delas en residencias de maiores

As vítimas da covid-19 na comunidade galega eleváronse a 1.281 persoas despois da confirmación por parte das autoridades sanitarias de oito novos falecidos, catro deles relacionados con residencias de maiores.

En concreto, segundo os datos facilitados este martes pola Consellería de Sanidade, trátase de catro mulleres e de catro homes. Todos eles presentaban patoloxías previas.

En concreto, tres destes falecementos rexistráronse no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP). Trátase dun home de 70 anos, e de dúas mulleres de 81 e 97 anos, ambas as procedentes da residencia de Vilaboa.

Así mesmo, no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) rexistrouse a morte dunha muller de 93 anos; mentres que no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) morreron dous homes de 74 e 93 anos.

Pola súa banda, no Hospital Lucus Augusti (HULA) morreu un home de 93 anos procedente da residencia Asilo de Vilalba e, no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) perdeu a vita unha muller de 80 anos usuaria da San Antonio de Beariz.

Sanidade ten en marcha varios cribados na busca de asintomáticos

A situación epidemiolóxica en Galicia continúa mellorando. Nas últimas 24  horas confirmáronse 232 novos positivos, 28 menos ca onte. Con máis de 600 recuperacións, os casos activos baixan a 5.996.  Tamén diminúe a presión asistencial. Hai 322 persoas hospitalizadas, 90 menos ca este luns. Delas 50 están en coidados intensivos

A área sanitaria de Vigo rexistra 268 casos activos menos. Porén, segue a ser a que máis ten de toda Galicia. Hai quince días comezou facer cribados poboacionais na cidade olívica para detectaren persoas asintomáticas. Este martes, o equipo encargado de facer as probas desprazouse ao concello de Tui.

“Neste caso, o concello ten unha alta incidencia. Evidentemente ten que ter persoas enfermas que non están localizadas. O que se pretende neste cribado é buscar esas persoas asintomáticas e localizalas”, explica Antonio Rodríguez, enfermeiro responsable do cribado en Tui.

Pechado de xeito perimetral e no nivel máximo de restricións, as cifras de contaxios en Tui seguen a ser preocupantes. Tamén no concello de Sarreaus, na área sanitaria de Ourense. Aquí o Sergas convocou a toda a poboación que non teña feita a PCR. Con pouco máis de 1.100 habitantes, detectáronse 23 casos activos nos últimos catorce días.

“Nesta última semana detectouse unha incidencia moi importante neste concello. Entón, o obxectivo do cribado é detectar aqueles casos asintomáticos”, asegura Míriam Vázquez, enfermeira responsable do cribado en Sarreaus.

Noutros concellos pequenos, coma o de Rodeiro, na provincia de Pontevedra, estanse a facer cribados masivos para tentar frear os contaxios. Neste caso, entre unha poboación de pouco máis de 2.500 habitantes.

Comentar noticia

Your email address will not be published.