Oito visións persoais do Campus Crea S2i en oito fotografías

O primeiro premio foi para o estudante Alberto Pérez
Publicado por o día 31/05/2018 na sección de Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo

Oito visións persoais do Campus Crea S2i en oito fotografías

Un primeiro plano dun dos elementos, concretamente o logotipo do Green Campus, presentes nos carteis que, ao abeiro deste proxecto, se deseñaron na Escola de Enxeñaría Forestal para o proxecto de catalogación do arboreto do campus valeulle a Alberto Pérez, estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, o primeiro premio do Concurso de Fotografía #creaS2i, que a Vicerreitoría do campus promoveu na rede social Instagram. No marco das actividades da Semana Internacional da Creatividade e da Innovación, este certame convidaba á comunidade universitaria e á cidadanía a reflectir en imaxes a súa visión do campus, tanto das súas instalacións e contorna como dos seus valores de innovación, creatividade e compromiso ambiental. Das fotografías publicadas co hastag #creaS2i entre o 16 o 30 de abril, un xurado integrado por docentes das diferentes facultades e escolas seleccionou oito fotografías finalistas, realizadas por seis estudantes, que nesta xornada participaban na Casa das Campás na entrega de premios deste concurso.

“O que nos interesaba era que a fotografía expresase como é a vosa relación co campus”, apuntou o vicerreitor do campus en funcións, Juan Manuel Corbacho, que xunto ao delegado do reitor para a Comunicación e Internacionalización do Campus Crea S2i, Alberto Dafonte, fixo entrega aos finalistas das series de 30 postais editadas coas fotografías seleccionadas. Agasallos aos que se sumou un primeiro premio, unha cámara Polaroid Snap Touch, para Alberto Pérez, e dous accésits, consistentes en dúas cámaras Polaroid One Step2, para a estudante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Sonia Piñeiro e para a alumna de Ciencias da Educación e do Deporte Paula Estévez. “As fotografías gustáronnos moito porque representan varias facetas do campus, tanto a nivel persoal como un nivel máis global”, salientou Corbacho dun certame no que participaron, como lembrou, estudantes dos diferentes centros do campus pontevedrés.

Do Green Campus ao final dunha etapa

“Gústame a fotografía e o concurso, no que xa participara hai dous anos, pareceume interesante”, recoñece Alberto Pérez, alumno do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que viu como dúas das fotografías que realizou a detalles no código QR presente nos carteis identificadores das árbores do campus se convertían en finalistas, e unha delas en gañadora, deste concurso. “Pensaba que o tema era especificamente o Green Campus e fixeime nestes carteis, que é un detalle que pode pasar desapercibido”, relata o gañador dun certame no que as bases estipulaban que só poderían seleccionarse un máximo de dúas fotografías finalistas por persoa, algo que tamén logrou Paula Estévez, alumna do grao en Educación Infantil. Unha destas imaxes, que retrata unha flores no chan diante da Facultade de Belas Artes foi seleccionada cun accésit nun certame ao que concorreu con varias imaxes “nas que quería representar a natureza e o campus”.

Co outro accésit, o xurado escolleu a fotografía que Sonia Piñeiro, alumna de Publicidade e Relacións Públicas, realizou da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e do debuxo realizou da súa fachada. “Debuxo todo nesa libreta, é como se en vez de sacar fotos debuxase recordos, e despois de catro anos, tiña que debuxar a facultade que foi un pouco unha casa para min”, salienta unha alumna que se atopa a piques de rematar os seus estudos, como tamén lle acontece a Rocío Fernández, finalista deste concurso cunha fotografía na que amosa as postas abertas deste centro. “A foto en si é un pouco simple, pero para min tiña un significado, porque representaba o primeiro que fas ao chegar a facultade e despois de catro anos entroume un pouco de nostalxia”, apuntaba a tamén estudante de Publicidade e RRPP. Titulación que tamén cursa Jordi López, que quixo centrar “no fomento da mobilidade” que supuxo o Green Campus unha fotografía realizada desde unha das bicicletas que forman parte do servizo de préstamo impulsado ao abeiro deste proxecto, seleccionada tamén como finalista ao igual que outra imaxe, cuxo autor non puido estar presente neste acto, tomada ás portas da Facultade de Fisioterapia.