Olalla González e Marc Taeger presentan este sábado “Un máis” en Moaña

Kalandraka publica en sete linguas esta historia sobre a chegada dun novo irmán ou irmá a unha familia.
Publicado por o día 02/10/2017 na sección de Cultura,Galicia,Moaña

Olalla González e Marc Taeger presentan este sábado “Un máis” en Moaña

O Espazo Lector Nobel de Moaña (Avda. Concepción Arenal, 7) acollerá este sábado 7 de outubro, a partir das 12:00 horas, a presentación de “Un máis”, o novo álbum ilustrado de Olalla González e Marc Taeger, publicado por KALANDRAKA e dirixido a primeiros lectores. Trátase dunha historia protagonizada por unha familia de coellos que vai medrar coa chegada dun bebé.

O relato céntrase na curiosidade do personaxe principal, un pequeno coello, polo tempo que tardará en nacer o seu irmán ou irmá; unha dúbida que lle traslada de xeito insistente non só á súa nai, senón tamén a outros habitantes do bosque. Mentres, o coelliño imaxina os xogos que poderán compartir xuntos.

Tenrura, solidariedade, ledicia, emoción -e unha sorpresa final- son os sentimentos presentes neste libro, ilustrado con acuarelas de tons suaves sobre fondo branco. A nivel artístico, destaca a diferenza entre as escenas a toda cor e as imaxes monocromáticas, para distinguir a parte imaxinaria do conto que representa os soños e os desexos do protagonista.

Publicado en sete linguas -as cinco peninsulares, inglés e italiano-, “Un máis” é o segundo libro conxunto de Olalla González e Marc Taeger despois da súa adaptación do conto tradicional “Garavanciño”. A mestra, contacontos e especialista en animación á lectura tamén adaptou “Chibos chibóns”, ambos de KALANDRAKA.

Nesta editorial publicáronse tamén varias obras de Marc Taeger, comezando por “A verdadeira historia de Carapuchiña”, que recibiu os Premios Daniel Gil 2005 de ilustración e de deseño.

Seguíronlle “Aquiles o puntiño”, o libro-disco “Tic-Tac”, “Elefante comellón”, xunto con “Artur” e “A guía Necsia”, estas últimas no selo FAKTORÍA K. O artista suízo afincado no Morrazo é autor dun amplo abano de traballos de deseño, pintura, escultura e arte gráfica que foron expostos en Francia, Alemaña, China ou Costa Rica, entre outros países.

Será o seu terceiro encontro do público da bisbarra, logo das presentacións realizadas en Bueu e Cangas. Na súa visita ao Espazo Lector de Moaña, Olalla González e Marc Taeger ofrecerán unha sesión de contacontos mesturando narración e ilustración en directo, non só de “Un máis” como principal novidade, senón tamén doutras obras da súa autoría. Ao remate da actividade asinarán exemplares.