Olalla Rodil a Anxo Lorenzo: “Sen accións, calendario e orzamento, a estratexia da cultura é fume”

A parlamentaria cualificou de “decepciónante” a comparecencia do director xeral de Políticas culturais da Xunta e pediu un compromiso real da institución coa cultura galega
Por o 20/06/2019 | Sección: BNG,Política
Olalla Rodil a Anxo Lorenzo: “Sen accións, calendario e orzamento, a estratexia da cultura é fume”
Compartir en:

A deputada do BNG, Olalla Rodil pediu hoxe ao  director xeral de Políticas culturais “un compromiso real” e maior apoio á cultura galega.

Tras a intervención de Anxo Lorenzo para informar da Estratexia da Cultura galega, a nacionalista defendeu o “dereito á cultura”, un ámbito que ademais, dixo,  reverte en riqueza e no que  as condicións laborais deben estar garantidas.

A deputada cualificou de “decepciónante” a comparecencia do director xeral de Políticas culturais e afirmou que “sen accións, sen  calendario e sen orzamentos, a estratexia cultural  é só fume”.

Por outra parte, salientou  que  a información e documentos remitidos ao Parlamento “non inclúen accións concretas”, redúcense a meras “declaracións e obxectivos” moi loábeis, á xuízo da deputada pero “faltas de concreción no tempo e orzamentos”.

Na documentación, explicou tampouco aparecen recollidas as suxestións da Asociación de xestores culturais do libro. Olalla Rodil insistiu na necesidade de garantir o dereito á cultura, sobre todo, “nun país como o noso”, con máis de 10 mil núcleos de poboación dispersos, con amplos espazos rurais e unha poboación avellentada. Neste sentido avogou por unha estratexia cultural “equitativa” á marxe do o lugar no que se viva, tanto rural como urbano, e a  renda que teñamos.

E preciso “tecer redes” entre as institucións, entidades, colectivos sociais e sectores culturais, recalcou a deputada do BNG que apostou polo papel “chave” dos concellos para favorecer programacións estábeis e contidos fuxindo de visións localistas que empobrecen a planificación cultural.

Tampouco hai referencias, engadiu, a institucións e entidades existentes, algunhas delas como o CGAI, CDG, CCG, RGT, RGS, RGMV; o CGAC) e que dependen da propia Xunta de Galiza; nin sequera se menciona a lexislación vixente  no sector editorial (Lei do libro e da lectura, 2006); audiovisual (1999); bibliotecas (2012), a lei de patrimonio cultural (2016), de arquivos e documentos (2014). “Moitas delas sen desenvolver e durmindo o soño dos xustos desde hai anos”.

Nada sobre AGADIC e a CRTVG, algo que nos parece “gravísimo”, polo que representan para as propias industrias  e  sectores culturais no seu conxunto, como motores / impulsores e de maneira especial os medios públicos de comunicación, como difusores da lingua e cultura galega.

Pretender deseñar unha política cultural a medio prazo sen facer referencia á Axencia e a Corporación é ter “cero intención de desenvolver unha verdadeira política pública”.

Na súa intervención, Rodil criticou que Lorenzo non aludirá á precariedade na cultura, da atomización dos sectores culturais,  e a  destrución de tecido empresarial durante a crise económica

Finalmente, ante a falta de “vontade do Goberno galego” para cambiar de rumbo e elaborar una verdadeira estratexia cultural, a deputada do BNG  propuxo iniciar “plans sectoriais” e escoitar aos sectores implicados co fin de implementar medidas para unha maior “profesionalización, fortalecemento económico e difusión social”.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.